Este nome de animal tan usado ven do latín lupus, da familia dos cánidos. Cans hai dabondo, lobos case xa non quedan. Pois parece verdade, cada vez hai máis afeccións ós cans. Con frecuencia lévannos polas rúas e temos que cederlles o paso. Antes andaban soltos e vivían nas aldeas libres. Tiñan que ter coidado co lobo, iso si, pois ás veces servíanlle de presa. Agora case sempre van atados e chámanlle mascotas.

Os que somos de aldea e vamos tendo uns aniños, vennos os recordos da infancia de cando nas noites peches de inverno escoitabamos ouvear os lobos no monte. Aqueles ouveos quedaron gravados nas nosas mentes. Parece que aínda se arrepía o corpo no recordo. Penso naquel son que retumbaba na fraga e que provocaba medo, pero que eles simplemente querían comer algo; esperaban que lle levaramos un cabalo, vaca ou ovella morta; non facía falta enterralos, pois xa se encargaban eles do asunto.

Este pobre animal, que xa se está a extinguir, sempre tivo mala fama. A verdade é que era un pouco perigoso. Cando íamos cas vacas para ó monte sempre levabamos ovellas, porque así en vez botarse a nós antes ía a elas. Pensando ben eles tiñan que comer o que había no monte, é, polo de pronto, non eran vexetarianos...

O nome deste animal utilízase de múltiples maneiras, pero case que sempre de forma negativa. A literatura está chea de contos e historias para meter medo. Tamén son abundantes os refráns que fan referencia ó devandito animal. Así, podemos escoller algúns para significar o seu uso: A fame bota o lobo do monte. O burro de moitos cómeo o lobo. O lobo farto de carne métese a frade. Quen con lobos anda a ouvear aprende.

O pobre animal, mira que ten mala fama...! Utilizámolo para falar mal das persoas. Xa dicía o filósofo inglés: Homo homini lupus, o home é lobo para o home. Este dito da bastante que pensar, pois seguramente o dicía polos horrores que é capaz a humanidade para consigo mesma. O lobo só mata para comer, pero o home é capaz de matar, ata para enriquecerse...

Pensemos nas bonitas lendas que falan das bondades dos animais. Pensemos na famosa loba que por dar de mamar a Rómulo e Remo naceu Roma. Deixemos ouvear ó lobo.