No 65º cabodano do seu pasamento no exilio, cabe dicir que o seu pensamento e a súa obra seguen vivas e vixentes na Galiza. Só cabe lamentar que aínda non haxa unha casa-museo na que foi a súa casa de Rianxo, que permita difundir e dar a coñecer a súa obra. As viñetas de Castelao e as de calquera humorista hai que sabelas encaixar: poden ferir (para que te superes a ti mesmo) pero non aldraxan a ninguén en concreto, en contra do que algúns teñen pretendido. Reflexan a nosa idiosincrasia colectiva e aconsellan -eu diría que- paternalmente. El-rei citou a Castelao no seu primeiro discurso, o cal é unha mostra de recoñecemento que se agradece; pero o espírito inconformista e republicano de Castelao non pode ser domado e castrado. Algunhas das súas palabras e reivindicacións seguen sendo incómodas para os que detentan o poder no Estado e na Xunta, porque Castelao segue vixente. El foi o personaxe máis digno e importante da nosa historia contemporánea, xunto con Rosalía de Castro. Ambos os dous son bandeiras de Galiza, que ninguén se pode apropiar en exclusiva porque nos pertencen a todas e a todos.