Parabéns á señora Sánchez Piñón: Por primeira vez teño a sensación de que dende a Consellería de Educación se amosa un verdadeiro interés en investir na calidade da educación dos nosos fillos. Medidas xa previstas como a gratuidade dos libros de texto e a incorporación de acompañantes no transporte escolar, adiantáronse permitindo tanto un considerable aforro ás familias como un aumento na seguridade no seu traslado.

Pero, deixando de lado estas outras melloras, sirva esta carta para agradecer a decisión por parte da Consellería de potenciar a conciliación da vida laboral e educativa coa vida familiar. A nova orde que regulará a partires do curso 2007/2008 o funcionamento dos comedores escolares, supón un claro avance nese aspecto. Non só libera a moitas ANPA´s da xestión dos comedores, asumindo esa xestión directamente a Consellería, se non que, ademais, extende ese servizo aos nenos que ata agora "legalmente" estaban privados del, polo simple feito de non facer uso do transporte escolar.

Aínda que falta ver como se vai aplicar na práctica esa orde, a lo menos sobre o papel as propostas son esperanzadoras. Aínda máis, malia que non se concreta na orde, chéganos noticia de que a Conselleira amosou a súa disposición a aplicar desde o primeiro día do curso un único horario lectivo. Unha vella reivindicación de moitos pais e nais que, nos meses de xuño e setembro, se atopan obrigados a facer xogos malabares cos seus horarios de traballo, ou pedir favores a parentes ou amigos por culpa dunha redución de xornada cada vez máis carente de sentido.

Non hai que esquecer que unha moi alta porcentaxe de centros educativos en Galicia adoptaron a xornada continuada. Deste xeito, a redución de xornada en xuño e setembro non era máis que unha hora, pero para un pai ou nai, ter que saír unha hora antes do seu traballo para recoller os fillos durante dous meses, pode suporlle un verdadeiro conflito laboral.

Por todo isto, queremos amosarlle todo o noso apoio a Consellería na súa intención de eliminar a redución de xornada en xuño e setembro, abrindo ademais os comedores escolares dende o primeiro ata o último día de clase.

Polo seu esforzo a prol dunha educación pública de calidade, o noso máis sincero recoñecemento señora Sánchez Piñón.

Rodrigo González, Olga Cantó e varios membros da ANPA do CEP Igrexa Valadares e EEI Monte de Alba - Vigo