O pasado día 12/08, o FARO DE VIGO, na sección Cartas al Director, facía contestación as miñas palabras, expresadas días atrás neste prestixioso medio. É lóxica a súa resposta, en indubidable defensa do seu amigo, e quérolle agradecer a seriedade exposta no seu escrito expresando simplemente a súa opinión sobre a medida adoptada polo Bispo e Cabido tudense.

Certamente das súas palabras sorprende o acento, tal e como facía o Cronista Oficial, que pon sobre a importancia do noso Conxunto Catedralicio, facendo fincapé que non podería cobrarse por visitalo culturalmente por mor de ser de menor rango que as numerosas catedrais expresadas por min anteriormente (ademais doutras máis). A sorpresa non ven porque un cidadán exprese que a Catedral de Tui non sexa "grandiosa" como outras de España, senón que ese cidadán sexa o tesoureiro da Asociación Amigos da Catedral de Tui, e fraco favor se lle fai a nosa benquerida Catedral se os mesmos que deberían defende-la súa importancia e meros artísticos, a relegan ao "pelotón dos torpes", preferindo que peche as súas portas, a que se poida visitar integramente pola ridícula cantidade de 2 euros (lembremos que as "grandiosas" catedrais españolas cobran de 5 a 7 euros).

O choque do ridículo aparece cando nomea o Camiño de Santiago, sen lembrar ou acaso descoñecer que o templo de San Martín de Fromista (¿no Camiño Francés? señor Pérez Antón) cobra 1 euro por acceder a esa interesante igrexa románica.

Outra sorpresa depara a carta do escrito do señor Pérez Antón, o seu exacerbado nacionalismo, posto que relaciona o cobro por visita-lo templo tudense con que non se fai en toda Galicia, como ¿feito diferencial con respecto ao Estado Español? Agora que o BNG cogoberna na Xunta son moitos os que se apuntan á autodeterminación sen pasar polo centro. Con respecto a súa referencia aos nosos veciños os portugueses, lembrarlle que a Sé de

Coímbra cobra por entrar.

O Bispo e o Cabido non son asamblearios, señor Pérez Antón, de aí veñen os seus defectos e as súas virtudes desde hai 2.000 anos. Toman decisións como órgano colexiado que son, e pensar que publicamente recoñezan un erro cando estiveron anos meditando a decisión tomada, cando precisamente vostede e o Cronista Oficial falan de alternativas sen concretalas, semella un pouco forte.

Por último lembrarlle, se se esqueceu que eu fun un dos concelleiros que votaron a favor do título do señor Ernesto Iglesias e o único concelleiro que explicou o seu voto (nas dúas sesións celebradas) e argumentou sobre a idoneidade do seu nomeamento. Eu non me arrepinto da decisión tomada daquela (nin eu nin o resto da Oposición), mais os insultos e calumnias verquidas ultimamente parecen afastalo da racionalidade e obxetividade que a súa función ten encomendada.

Xesús Vila Pérez, historiador e escritor - Tui