Señora Conselleira de Sanidade: O goberno do señor Fraga alardeaba de que se ían reducir as listas de espera, subiunos a gasolina..., pero a realidade é ben distinta. En Vigo para operarte un xoves, ingresas o domingo para coller cama; iso con sorte porque algúns enfermos ingresan un mes antes, sin ter que facer ningún preoperativo especial; bueno permítenselle irse de fin de semana e a cama queda reservada igual.

Se non teñen ciruxanos ¿para que ingresan á xente?, ou non pode estar a habitación valeira ata o momento oportuno; non, hai que ocupala para xenerar enormes gastos, logo mándannos á casa as facturas para informar, e se realmente hai urxencias, non hai camas. Despois de esperar bastante tempo ingresada para ser operada de estómago unha paciente de avanzada idade, ós cinco días mándana para a casa, e claro, ós dous xa volve por urxencias pero agora non hai camas porque a perdeu.

Por si isto non fora suficiente, os menús dos pacientes nunca coinciden, e as mesmas enfermeiras din que o devolvan e por tanto tíranse ó lixo decenas e decenas de menús diariamente. Coas tecnoloxías actuais non creo que facelo ben sexa tanto problema, o que fai falla é unha persoa competente.

Moitas preguntámonos: ¿non fan isto para así ter que pasarlle os enfermos ós hospitais privados e tamén os cartos?

Dona María José Rubio Vidal prégolle que averigüe noutras partes de Galicia se pasa o mesmo, isto é o que hai en Vigo, e tome as medidas oportunas.

Eu como traballadora na miña casa e fora dela dende hai vintesete anos pago bastantes impostos e retencións que non quero sexan distribuidos (despilfarrados) así, senón decentemente e de xeito equitativo. Cando chegue a miña xubilación non vai haber cartos para a paga, se seguimos así teremos que pagar os médicos e a estancia nos hospitais tamén.

A Sanidade e a Educación xamais poden ser privatizados.

Señora Conselleira, ¡ánimo!, ten moito que facer para arranxar esta desfeita.

Por último decirlle ós xornalistas que tamén fagan un pouco máis de denuncia social, parece que para eles todo está ben.

Rosa Álvarez Cardoso - Vigo