Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Manoel Antonio en Vigo

Manoel Antonio non tiña afición aos nomes de lugar e o único que aparece no seu libro ‘De catro a catro’ é o de Vigo. Pasou o centenario do manifesto ‘Máis alá!’ no que o de Rianxo mandou a lírica galega a cruzar “mares nunca dantes navegados”, como dixera Camões. E nós voltamos hoxe ao poema ‘Lecer’ no que o poeta escribe para o futuro: “Vigo está tan lonxe / que se desourentaron as cartas mariñas”.

Chegara Manoel Antonio á cidade, feita á súa medida, para nela seguir os estudos de Náutica. E aquí viviu, no 15-baixo do Paseo de Afonso, entre 1919 e 1923; teño entendido. Introduciuse en ambientes políticos e culturais de avanzada. Tratou con escritores e periodistas nos xornais que dinamizaban Vigo: Paz Andrade, Francisco Luís Bernárdez, Posada-Curros, Dieste e outros. Algúns deles foron odiados polas dereitas, e resultaron presos e asasinados na carnicería de 1936. Caso de Blanco Torres, Johan Carballeira e Manuel Lustres Rivas, quen merece recordación especial. Este derradeiro, figura estelar de FARO DE VIGO e colaborador de honra da mellor prensa galega, proporcionoulle a Manoel Antonio os contactos necesarios para se enrolar como agregado, e facer os días de navegación regulados, no veleiro Constantino Candeira, con base en Camposancos.

Ao mando deste barco ía o capitán Augusto Lustres Rivas, irmán do citado Manuel, a quen o poeta venerou e a quen o seu libro ‘De catro a catro’ (1928) está dedicado. Falouse de que Manuel Antonio e Augusto Lustres Rivas pasaron clandestinamente a Portugal os exemplares dunha obra da autoría de Bernardino Machado, quen fora deposto da presidencia da República veciña e se encontraba refuxiado en Galicia.

Moitos anos despois, Gonzalo R. Mourullo, que editara os seus libros de contos en Monterrey (Pi y Margall, Vigo), izou Manoel Antonio como bandeira dunha literatura galega renovada nos anos 50 do pasado século. Pero foi o ‘Silabario da Turbina’ (Vigo, 1978) a publicación que marca o triunfo definitivo de Manoel Antonio. Nel aparece confundidos en sarrabullo prodixioso textos de Nazim Hikmet, Reixa, Salvat-Papasseit, Alverto Avendaño, Georges Politzer, Camilo Valdeorras, Farruco Sexto Novás, M. Romón, Pasolini e...Manoel Antonio. Lembramos agora o poeta que colocou o nome de Vigo na órbita das mellores letras galegas de todos os tempos.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.