Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premios Opinión de música

Desde hai vinte anos o periódico La Opinión de A Coruña vén convocando os premios Opinión de música folk-de raíz, a medio dos que distintos informadores especializados nesta temática opinan cales son os discos, intérpretes, artistas e iniciativas máis salientables de cada ano, coa particularidade de reservar un recoñecemento a toda unha traxectoria baixo a denominación de Andaina Senlleira. A comezos do presente século estaba clara a madurez alcanzada pola música galega neste particular, pois a característica sobranceira destes premios é a de seren exclusivamente reservados a creadores e intérpretes de ámbito galego. Daquela, con estes recoñecementos tentouse por en valor a nosa música folk nas súas primeiras edicións, para despois ampliaren o concepto ao de música de raíz, pois así conseguiuse abranguer máis estéticas musicais, seguindo a idea da organización, que foi sempre a de sumar e non restar. E seguindo este criterio, chegado o seu momento, o xurado tamén contemplou a cada máis crecente nómina de músicos galegos de jazz que son permeábeis ao noso patrimonio folclórico, e así premiou nunha edición como mellor disco e artista á Orquestra de Jazz de Galicia.

Quen son os informadores que opinan ano tras ano sobre os premiados? Persoas adscritas a distintos medios, como por exemplo Salvador Rodríguez do FARO DE VIGO ou o mentor da convocatoria, Óscar Losada, do propio periódico que lle dá nome aos premios. Co paso do tempo ampliouse o ámbito do xurado a profesionais non galegos, como José Miguel López (Radio 3 /R.N.E.) ou Albert Reguant (Catalunya Radio, Ona de Sants Montjuic), pois é ben sabido que a música galega tamén sobrevive grazas a afeccionados localizados fóra do noso País. .

Durante estes vinte anos, e con tanta variedade de premios concedidos, sobrancean entre todos eles os nomes de Budiño, Mercedes Peón, Milladoiro e Uxía. Situación especial é a de Guadi Galego, que foi distinguida en varias ocasións: en solitario, formando parte do dúo Espido, do trío Nordestinas e do grupo Berrogüetto. Por suposto que Tanxugueiras tamén contou co seu recoñecemento: segundo posto á mellor adaptación dunha peza tradicional coa titulada Desposorio. Entre tantos premiados, déronse casos de músicos que lle deron valor ao galardón recibido e outros que non, segundo manifestación autorizada do seu mentor, Óscar Losada. Artífice principal destes premios, que contaron para a súa materialización coa axuda de institucións coma o Concello de A Coruña e a Xunta de Galicia, así como de empresas coma a antiga Fenosa e máis recentemente Gadis.

Mentres tanto, a dinámica non para. A falla de que conclúa o presente ano, a colleita continúa con novas achegas como a agardada de Tanxugueiras, ou o primeiro disco en solitario de Quico Comesaña, veterano músico que deu en elaborar un disco concertístico para mellor gloria da nosa música. Se a tradición é, de seu, un concepto atemporal, a nosa música de raíz debe manter o mesmo criterio e continuar o seu devir á marxe das modas, inda asumindo a súa ocasional utilidade. Unha muiñeira nunca deixará de ser tal, por máis renovada que sexa na súa interpretación. E isto é o que se premia cada ano neste certame.

*Funcionario Público Xubilado. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats