Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Clodomiro Ogando Durán

O mar bruou no Obradoiro

As palabras de Xoán Paulo II na catedral de Santiago de Compostela o nove de novembro de mil novecentos oitenta e dous, na última etapa da súa primeira viaxe a España no “discurso europeísta”, quixeron lembrar que Europa non pode concibirse, no bo e no malo, sen a aportación do cristianismo. O chamado a Europa: ”Volve a atoparte. Sé ti mesma. Descobre as túas orixes”, resoa hoxe como palabra profética ante a morte da razón, a indiferenza ante o trascendente e a ausencia de valores universais que unan e comprometan no recoñecemento da dignidade común. Tres puntais que están na base da conformación dun continente que foi escola de humanismo e motor de crecemento da conciencia da centralidade dos seres humanos.

Ao lado deste chamado do papa dentro da catedral, houbo tamén naquela memorable xornada un acto na praza do Obradoiro que non debemos pasar por alto na conmemoración dos corenta anos daquela visita. Un acto no que, logo de pisar a alfombra de flores elaborada polos e polas alfombristas de Ponteareas, celebrouse un encontro coa xente do mar. A presentación de dito encontro fíxoa quen nalquel momento era o Bispo de Tui-Vigo, monseñor José Cerviño Cerviño, home nacido en Aldán (Cangas do Morrazo) e fondamente unido por razóns xeográficas e afectivas á xente do mar. As palabras coas que o bispo tudense saúda ao papa poñen de manifesto non só a súa achega afectiva, senón tamén o seu compromiso na defensa da dignidade e dereitos daquelas xentes que desde sempre contemplaran os seus ollos e levaba no seu corazón.

Responde o papa cun discurso sobre a gran familia formada polas xentes do mar; unha familia unida polos lazos da solidariedade e da fraternidade sempre ao servizo á sociedade. Sinala o papa a dureza do traballo do mar: a falta de recoñecemento, a fatiga das longas xornadas de traballo, a ausencia prolongada da familia, a dureza dun mar moitas veces rebelde e embravecido, a necesidade de ter que compartir nun espazo tan pequeno longos días non sempre doados de levar, a necesidade dun maior e mellor recoñecemento social... Todo isto dá lugar a unha relación fraterna e de colaboración para que a dura tarefa poida ser compensada coa achega de quen comparte as mesmas dificultades e sofre as mesmas ausencias.

As palabras de Xoán Paulo II diante da xente do mar, xente curtida pola dureza do traballo; pero con sensibilidade para poder trascender e descubrir a forza da presenza de Deus como airexiña no trebón dun traballo marcado por un gran esforzo físico e pola ausencia dos seres queridos, fan posible que na esperanza do mestre de Nazaret, quen tamén escolleu aos seus amigos de entre os pescadores, se estableza un estreito lazo de comuñón con aqueles que tiveron a misión de levar a Barca da Boa Nova polos mares do mundo.

“A triste actualidade do ocorrido cos mariñeiros e as familias do Pitanxo poñen de manifesto que como Igrexa non podemos pechar a boca ante a inxustiza”

decoration

Foron tamén as palabras do papa un recoñecemento non só das condicións de vida da xente mariñeira e das súas familias, senón tamén de reivindicación da dignidade do traballo e dos dereitos das xentes do mar, denunciando que o afán materialista do lucro non pode estar nunca por riba dos dereitos e do respecto das persoas.

A necesidade de mellorar as condicións de traballo e da vida nos barcos, a mellora das condicións de seguridade e hixiene, a xustiza dun salario digno e acorde coas dificultades do traballo e a maneira de desenvolvelo, a necesidade de establecer tempos de lecer que faciliten o contacto coa comunidade familiar, social e eclesial resumen canto naquela inesquecible xornada de hai corenta anos achegou, con convencemento e quentura de corazón, o papa Xoán Paulo II, dando visibilidade ao labor das xentes do mar.

Corenta anos despois, estas palabras seguen a ser voz para que “os sen voz” non sexan persoas esquecidas e ignoradas. A triste actualidade do ocorrido cos mariñeiros e as familias do Pitanxo poñen de manifesto que como Igrexa non podemos pechar a boca ante a inxustiza.

*Profesor de Teoloxía Moral Social. Centro Teolóxico. Vigo.

Compartir el artículo

stats