Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Enigma ou laxe

Ramón Sobrino Buhigas, catedrático de Historia Natural que adquirira sona en 1918 descubrindo as causas biolóxicas da chamada “maré vermella”, decidiu definir o mundo descoñecido e misterioso da arte rupestre galega. Comezou por lle dar nome ás insculturas prehistóricas que se adensan na actual provincia de Pontevedra e introduciu en Galicia o neoloxismo grego “petroglifo”. Todo culminou cun seu estudo editado en latín clásico (unha ousadía) e distribuído en medios arqueolóxicos de Galicia, Portugal, España e o mundo todo.

Velaí os datos bibliográficos deste libro que revolucionou os estudos de prehistoria europea: Corpus petroglyphorum Gallaeciae / opera et studio Doc. R. Sobrino Buhigas. /Compostela, Gallaecia. Anno MCMXXXV. A Xosé Crespo Pozo debémoslle a tradución do texto ao latín. Así pois, desde 1935 ao día de hoxe, a ciencia dos petroglifos non cesou de avanzar e nunha estación importante da nosa cultura rupestre, a de Campo Lameiro, abre hogano as súas portas un centro de interpretación de alto valor divulgativo.

"Séntese que os segredos centrais dos petroglifos aínda non foron desvelados"

decoration

Os petroglifos de Galicia (belos, enigmáticos, multiformes) exercen sobre diversos sectores da poboación unha sorte de fascinio que non dá estiñado. Séntese que os segredos centrais dos petroglifos aínda non foron desvelados. José Meijón (Pepiño Meixón) foi un veciño de Marín que nos pasados anos cuarenta e afectado pola contemplación dos importantes petroglifos existentes na zona, decidiu insculpir os seus propios debuxos nas pedras. Non sei se se conserva a imaxe de ave tallada por Meixón nun penedo da praia de Mogor e a poucos metros do máis famoso labirinto de Galicia. O frenesí creativo deste artista popular levouno a invadir cos seus deseños espazos públicos coma o cemiterio municipal da Raña ou ponte do Busto. Caso semellante constituíran os signos incomprensibles que gravou nos penedos de Monteferro (Nigrán) a principios do século XIX un veciño de nome Domingos, coñecido polo alcume de “O Duque” e investigado actualmente polo arqueólogo Gustavo Pascual Hermida. E véñenme ao pensamento as formas plásticas inspiradas na prehistoria que aparecen en Urbano Lugrís, Raimundo Patiño, Antón Sobral e outros artistas contemporáneos.

A remate desta bagatela, o divagar énchese cun entrelazo de cervos e de esvásticas, de labirintos e liñas espirais, de cabalos en marcha inmóbil e de coviñas absurdas que marcan os límites imaxinarios da nación incesante, como dicía o Beiras.

Compartir el artículo

stats