Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Non imos ficando sós

De xeito unilateral, sen consultar aos Estados nin ao sector e sen informes científicos de aval foi como a Comisión Europea confirmou o veto á pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas da UE. Unha xerra de auga fría que recibimos con indignación e sobre a que vemos como sobrevoa a sombra da mala fe en base ao que nos demostran os acontecementos. Feitos que ameazan ao futuro da nosa frota e ante os que Galicia non claudica entendendo que ante o que nos atopamos non é senón un despropósito.

Semella que esta decisión xa estaba adoptada de xeito firme hai tempo. Non se entende senón que na visita que fixo en xullo a Galicia, e despois de horas escoitando ao sector, a directora xeral de Pesca da Comisión Europea se comprometera a revisar esta medida con máis datos e informes. É evidente que iso non sucedeu e unha vez máis sae á luz a falla de sensibilidade e do equilibrio entre os aspectos medioambientais e os socioeconómicos que defende a Política Común de Pesca.

Pero aquí non nos vimos laiar. Nos vindeiros días volverémonos reunir con xuristas expertos para determinar o xeito máis efectivo de recorrer á vía xudicial para frear esta insensatez que asfixia lenemente a actividade pesqueira coma quen procura que agonicemos.

Unha decisión que levará a complicacións e paradoxos que repercutirán contra a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e non ao revés, xa que promoverá o movemento da frota das zonas afectadas por esta prohibición a outras áreas que poderían caer, entón si, nun desequilibrio da súa explotación.

Isto é só un mínimo exemplo do impacto deste veto arbitrario e sen base científica. Un dardo que podería impactar contra un milleiro de buques e que atenta contra a nosa idiosincrasia, pois Galicia non se entende sen a súa frota. Aberrante e paradóxico. Tanto, como o dano que fai ao ecosistema e ao sector pesqueiro, a ONG que tira artefactos –síntoo moito, a iso non se lle poden chamar pedras– ao fondo do mar para impedir que a frota poida facer un traballo que se ten demostrado moito máis sustentable que intentar sementar o fondo do mar de arrecifes de cemento.

Esta ameaza directa require que, unha vez máis, saquemos dó de peito para amosar que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se usan ben e o bo comportamento dos caladoiros nos que faena a frota galega grazas aos seus esforzos. Sería do xénero bobo que un sector que vive del non sexa quen a máis lle interese coidar a súa fonte de vida.

A implicación da Xunta de Galicia neste cometido é máxima e faremos todo o posible e o imposible para evitar que esta decisión vaia adiante. Ademais de analizar as distintas vías xudiciais, buscaremos aliados entre as comunidades autónomas e rexións pesqueiras con intereses pesqueiros comúns e dirixirémonos ao Goberno central para facer fronte ante as institucións europeas e evitar este despropósito.

Non imos desistir nesta travesía. Imos con todo. Chegaremos ata onde sexa necesario e aínda que pareza que lle levo a contraria ao poeta: non, non imos ficando sós.

*Conselleira do Mar

Compartir el artículo

stats