Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

‘Ruedo Ibérico’, facho da loita antifranquista

En lembranza de Pepe Martínez

Nin sequera as case setecentas páxinas da súa moi documentada biografía, obra de Albert Forment (José Martínez: la epopeya de Ruedo Ibérico, Anagrama, 2000), fan xustiza á inmensa débeda moral que temos contraído co valenciano Pepe Martínez (1921-1986), cofundador e director da editorial Ruedo Ibérico, auténtica escola de liberdade, paradigma e faro de loita contra a ditadura franquista. Sen disparar un tiro, a súa única munición foi a palabra tal como fixeron os humanistas e ilustrados no pasado, que el tan ben coñecía.

Pouco antes de 1950, despois de varias detencións en España, chega a París un mozo anarquista, José Martínez Guerricabeitia, que deseguida entra en contacto con republicanos de esquerda e liberais agrupados na FUE; entre estes, Nicolás Sánchez Albornoz e Manuel Lamana que acababan de fugarse do campo de traballos forzados de Cuelgamuros coa axuda de Barbara Probst Salomon, recentemente falecida nos Estados Unidos. Pepe Martínez traballa nunha editorial, estuda Historia na Sorbona e asiste entusiasmado aos seminarios de Pierre Vilar mentres participa en distintas experiencias antifranquistas.

Sen dúbida un dos grandes acertos dos fundadores de Ruedo Ibérico foi a feliz oportunidade da aparición da editorial nun contexto no que o franquismo tentaba contrarrestar a imaxe negativa que estaban a provocar as constantes folgas obreiras e estudiantís, o acordo da tímida oposición reunida en Munich en 1962 ou o asasinato, disfrazado de suicidio, en sede policial de Julián Grimau. Para tal fin hai unha remodelación ministerial no ano 1962 que leva a Manuel Fraga Iribarne ó Ministerio de Información co encargo de orquestrar os XXV anos de Paz (1964), o famoso Referendum (1965) ou a Lei de Prensa (1966).

Xusto nesta década dos sesenta van nacer en París a editorial Ruedo Ibérico (1961) e posteriormente os Cuadernos de Ruedo Ibérico (1965) que cos seus 150 libros publicados e os 66 números da revista pode ilustrar perfectamente o eficaz papel dinamizador dunha humilde empresa editora consagrada a divulgar unha reinterpretación do pasado e do presente diametralmente oposta á ofrecida nos medios oficiais controlados polo Ministerio Fraga.

“Sen disparar un tiro, a súa única munición foi a palabra tal como fixeron os humanistas e ilustrados no pasado”

decoration

O carácter xeneroso e integrador da editorial, que acolle e acepta libros de todas as ideoloxías opositoras da ditadura, provocará unha remodelación das fronteiras censoras do franquismo que ten que proclamar unha nova lei de prensa para evitar que todos os libros prohibidos en España acabasen nos prelos “clandestinos” de París onde a súa influencia real excedía con moito a relación tirada/lector porque un exemplar facía un percorrido de préstamo multiplicador, de gran transcendencia.

A idea da fundación de Ediciones Ruedo Ibérico xurde dunha reunión con cinco amigos exiliados: Pepe e a súa esposa Elena Romo, Nicolás Sánchez Albornoz, Ramón Viladás e Vicente Girbau León. A firma da escritura fundacional realizouse no café de Cluny, no Boulevard Saint Michel e –según se contou anecdoticamente repetidas veces– comenzou “sobre rodas” a súa andadura xa que o capital inicial procede da venda de dous coches, os de Pepe e Nicolás. Non obstante o vertebrador e auténtico director de Ruedo Ibérico será Pepe Martínez que cunha moi sólida formación humanística entrégase á “causa” –así denominaba a empresa– con tal dedicación e esforzo que esgota aos seus colaboradores.

En maio de 1977, morto o dictador, despois de trinta anos de exilio Pepe Martínez regresa coa editorial a España e ao ano seguinte o mesmo Tarradellas asiste en Barcelona á presentación da obra El eco de los pasos, as memorias inéditas do cenetista Juan García Oliver, ademais do primeiro número dos Cuadernos. Pero o retorno foi un rotundo fracaso por que nin Pepe Martínez nin Ruedo Ibérico encontraron o seu lugar en España.

Nin o franquismo, nin Fraga, nin siquera as bombas que na madrugada do 14 de outubro de 1975 derrubaron a librería da rue de Latran, conseguiron abatir Ruedo Ibérico. Sería, paradoxalmente, a tan gabada transición española a que demoleu a obra predilecta de Pepe Martínez.

A morte sorprendeuno facendo a traducción ó español, para Anagrama, dunha obra do seu íntimo amigo François Maspero, director dunha reputada editorial que levaba o seu nome. Traballaba tamén, con gran ilusión, na Historia da letra, o mellor colofón para un editor soñador e libertario.

Compartir el artículo

stats