Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Escritora

Sentencias a debate

Nas últimas semanas coincidiron dous casos que están provocando alarma social. Un é o dos dous policías de Estepona que, estando de servizo, agrediron sexualmente a unha muller de 18 anos, sendo condenados a dous anos de prisión cada un deles, conforme á sentencia da Audiencia de Málaga. En lugar de ingresar en prisión, indemnizaron á vítima con oitenta mil euros e recibirán un curso de reeducación sexual, todo isto condicionado a que non volvan delinquir nun prazo de tres anos. A vítima sufriu estrés postraumático e, conforme establece a sentencia, necesitou tratamento farmacolóxico e terapéutico. A razón de que aceptase o acordo é que non quería revivir o sucedido en xuño de 2018, nin ser sometida a un xuízo mediático, como adoita acontecer neste tipo de casos (lembremos o que sucedeu coa vítima da Manada). Na sentencia, o presidente da Audiencia de Málaga recolle que “non cabe descartar nos condenados un prognóstico de perigo criminal en relación con delitos contra a liberdade sexual”. Tal vez por isto emite un voto particular e aclara que non concordou coa decisión adoptada pola maioría dos integrantes do tribunal. Alegou que hai unha tendencia a “operar con certo automatismo aludindo simplemente á concorrencia dos requisitos legais”, isto malia que na sentencia “non se contén dato algún que permita realizar un prognóstico de escasa probabilidade de que ningún dos condenados volva cometer feitos de similar natureza no futuro”. Pero hai máis: a indemnización á vítima foi satisfeita con cartos dos pais dos condenados, sendo eles quen realizaron o esforzo reparador, tal e como advertiu o presidente do tribunal.

O que está sobre a mesa é unha figura xurídica: a conformidade. Un acto de disposición do dereito de defensa mediante o cal o acusado pode conformarse coa pena máis grave das solicitadas. Por esta vía, que supón a aceptación dos feitos, a súa cualificación xurídica e a responsabilidade, prodúcese finalización do procedemento a través dunha sentencia con efectos de cousa xulgada, sempre que non se excedan os seis anos de privación de liberdade. Evítase así un procedemento onde a acusación ten a carga de probar en xuízo a culpabilidade do acusado. Os requisitos establecidos pola lei que teñen que concorrer limítanse á correcta cualificación e procedencia da pena e a voluntariedade da conformidade. Esta mesma figura foi a que permitiu ao agresor sexual que violou a unha xornaleira no 2018 en Murcia, librarse de entrar en prisión. Admitiu a agresión sexual e as ameazas (ameazou con despedila se contaba o sucedido) e indemnizará á vítima con seis mil euros, ademais de asistir a un curso de educación social e permanecer en liberdade vixiada durante cinco anos. A frase “que barato sae violar” cobra especial forza en casos coma estes. O temor á revitimización, a sufrir un xuízo mediático de carácter paralelo, a ter que enfrontarse aos agresores nun xuízo están operando de xeito que os agresores acaban sendo beneficiados polo sistema. En ambos os dous casos o que está en risco é a protección das mulleres. O xurídico é un ámbito de especial interese público e as persoas que xulgan non debesen nunca perder este feito de vista, malia existir un pacto entre as partes.

Compartir el artículo

stats