Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Escritora

A carreira máis difícil de Caster Semenya

A traxectoria deportiva da atleta sudafricana Caster Semenya está marcada pola diferenza e a polémica a causa do seu hiperandroxenismo. A deportista, que se identifica coma muller, presenta uns niveis de testosterona en sangue superiores aos permitidos pola Federación Internacional de Atletismo a causa dunha anomalía cromosómica. Campioa olímpica nos xogos de Londres e Río na súa proba estrela, os 800 metros, e tres veces campioa do mundo, viuse obrigada a retirarse da súa especialidade mentres presente eses niveis de testosterona. En 2018 a Federación Internacional de Atletismo anunciou unha nova regra para que as mulleres que presenten a mesma condición ca ela non poidan correr distancias comprendidas entre 400 metros e unha milla, a excepción de que accedan tomar unha medicación que reduza os niveis naturais de testosterona que produce o seu corpo. A atleta presentou un recurso no Tribunal Arbitral de Deporte alegando o seu dereito a ser respectada e non discriminada pola súa condición xenética. A ministra sudafricana de Deportes alegou que o corpo das mulleres, o seu benestar, o seu sentimento de pertenza ao mundo, estaba sendo cuestionado. Cualificou a situación coma unha violación das normas internacionais en materia de dereitos humanos. O recurso de Semenya foi desestimado. O certo é que a situación afecta a outras mulleres negras, atletas de alto nivel: Francine Niyonsaba (Burundi), Margaret Wanbui (Kenia), Christine Mboma (Namibia) ou Beatrice Masilingi (Namibia). Semenya intentou medicarse para reducir os niveis de testosterona e poder competir na proba que domina, pero a medicación, ademais dun importante aumento de peso, provocáballe taquicardias e ataques de pánico. En maio deste ano concedeu unha entrevista para HBO onde relatou que con 18 anos ofreceu mostrar os seus xenitais aos xuíces da Federación Internacional para rematar coas dúbidas: “Pensaron que tiña un pene, probablemente. Díxenlles: está ben, son muller, non me importa. Se queren ver que son unha muller, mostrareilles a miña vaxina, de acordo?”. A atleta intentou mudar de proba. Renunciar aos 800 metros e probar noutras categorías. Mais os 200 metros, unha proba explosiva, non eran axeitados para a súa idade e podía causarlle lesións importantes. Apostou polos 5.000 metros, onde quedou a 20 segundos da mínima.

A ONU alegou que esta norma é un indicio de racismo e que afecta só a mulleres africanas e que non existen estudos científicos que demostren que un nivel superior de testosterona implique unha vantaxe que non estea tamén implícita noutro tipo de características biolóxicas. Penso no nadador Michael Phelps, o deportista olímpico máis laureado da Historia. Un home cunha estrutura corporal anómala: torso desproporcionadamente longo, con brazos dunha envergadura superior do que lle corresponde por altura, pés dunha medida moi grande e un corpo que produce niveis de ácido láctico por debaixo do que se considera normal, o que lle reporta un menor tempo de recuperación. Pero Michael Phelps non foi sometido a ningún tipo de escrutinio. Michael é un home branco cis e heterosexual que foi bautizado coma “o tiburón de Baltimore”. Caster Semenya é negra e lesbiana. Cadaquén que saque as súas propias conclusións.

Compartir el artículo

stats