Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Historia e fábula no Ourense suevo

Andamos a cocer fábula con historia no que Ernst Gamillscheg chamara ‘Romania Guermanica’. Na revolución galega de 1846, Antolín Faraldo certou a suturar a idea de Galicia como colonia española e a identificación do reino suevo coa nosa peculiaridade nacional incipiente. Se cadra o café máis antigo de Ourense, que é o de La Unión da praza do Ferro, gardou ecoares fantásticos daquela insurección galega que terminara cos fusilamentos de Carral.

Recordabamos a estoria do fillo de Carrarico, rei suevo de Galicia, que Gregorio de Tours puxera en circulación no século VI. Este relato animou os ourensaos máis cultos a situraren na súa cidade unha das capitais da Galicia sueva. Agradecido pola curación da lepra que padecía un seu fillo, Carrarico levantou un templo e consagrouno á memoria de San Martiño de Tours (316-397).

O padroado deste San Martiño segue a estar vixente sobre a cidade, catedral e diocese de Ourense. Houbo un tempo, o do moderantismo posterior ás desamortizacións eclesiásticas, en que o bispo de Ourense quixo sustituír San Martiño de Tours por Santa Eufemia, o que culminou en fracaso. Hoxe, igual ca onte, o concello fai do 11 de novembro, en memoria deste santo, unha festa local.

"O pobo de Ourense, ano tras ano, celebra un formidábel magosto popular, moi arredado do ritual católico, nas pedras do Montealegre e outras soedades do rodopío"

decoration

O pobo de Ourense, ano tras ano, celebra un formidábel magosto popular, moi arredado do ritual católico, nas pedras do Montealegre e outras soedades do rodopío. A mocedade acende ledas fogueiras para nelas asar castañas.

Corre o viño, a lingua desátase en cantares mil e o paganismo galaico que tanto combatera esoutro San Martiño, dito de Dume ou Braga, triunfa gloriosamente sobre a opresión dogmática. O magosto é a festa ancestral do Ourense máis urbano. A tradición da cidade das Burgas coidou moito da lenda do rei Carrarico e do seu fillo leproso. No século XX encargouse de manter vivo o relato o profesorado nacionalista da Normal e do Instituto de Segundo Ensino.

Lugares do vello Ourense que incitan a evocación da historia e lenda do reino suevo de Galicia son a praza da Magdalena (suspendida nun nimbo e fóra do fluír do tempo), as columnas de mármore de Santa María a Madre e a inmensidade do que foi pazo episcopal que sofre unha fada hostil que lle impide acoller as grandes coleccións dun Museo Arqueolóxico de Ourense secularmente frustrado.

Compartir el artículo

stats