Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O Chorón

Ao fío do recollido esta semana neste diario sobre o barrio e rúa do Chorón, aquí vos deixo esta pequena historia na que recollo a verdadeira orixe da denominación da rúa do Chorón que, xa postos, é de xustiza dicir que foi a nai do que subscribe, Milagros Ulloa, a que promoveu e acadou, co apoio da veciñanza do Chorón, que o que era denominación popular por non dicir familiar, pasase a ser oficial. Vaia por diante que nada ten de malo fabular, pero que a fábula non faga esquecer a verdade.

O Chorón é o barrio onde me criei, o nome venlle dun inmenso salgueiro chorón que había na horta do antigo caserón da miña bisavoa, miña e dunha morea de bisnetos e tataranetos que, por economizar espazo, evitarei nomear. Aurora, que así se chamaba a bisavoa, era dona de todo o Chorón, o Igrexario e boa parte de Feás, de aí que case toda a miña familia por parte de nai, viva entre a Cacharela e o Chorón.

Aurora partiu en vida, e o seu inmenso patrimonio de soutos, prados, leiras e casas, dividiuse e diluíuse, no non menos inmenso patrimonio xenético que, entre ela e o seu marido, deixaran. O salgueiro chorón cortouse, e a casa matriz foi vendida para construír no seu lugar un edificio de varias plantas; un armatoste dun “estilo” arquitectónico moi do gusto de Lalín.

Lembro con nostalxia os prados do Chorón, ese micromundo separado do Lalín urbano por unha fronteira de torreóns de sabugueiros e silvas, de sabugueiros que salpican o Chorón e o igrexario de ácimos de flores brancas por San Xoán. E lembro a mina, a misteriosa mina de auga chea de tritóns, pola que pasaba Celsiño de camiño á horta da súa familia.

Hoxe nada, ou a penas nada, queda diso, tan só a casa da miña tía avoa Luísa e Raúl (“Raúl de Bermés, inmensamente rico dende hai un mes”, dicía o meu primo Vicente), coa súa galería acristalada que resiste á ruína do tempo en milagroso equilibrio. Ou as casas do meu elegante tío avó Ramón (Ramón de Casamaro) e a de Marisa e Daniel (moi ben restaurada).

Os prados, os sabugueiros, a vella ponte que baixaba á braña e ao prado desapareceron. Todo en aras do progreso; dun día para outro, ese micromundo máxico, a patria da miña infancia, esa terra de fronteira, deixou de existir para converterse na AR-30 (Área de Reparto 30); as leiras, as hortas e os prados foron pagados polas construtoras que levantarían novos e innecesarios edificios de vivendas ao “estilo Lalín” destinados a xentes do campo que deixaran a “miseria” do agro pola bonanza do téxtil. Pero a crise chegou, e a AR-30 quedou paralizada. No lugar de prados e hortas e torreóns, hai hoxe unha zona verde destinada a aparcadoiro. E no lugar de salgueiro chorón temos agora unha palmeira que fai as delicias dos estorniños no verán.

Hai tres días contemplei con tristura e certa nostalxia, unha vella e impoñente figueira que resistía no que un día fora o Igrexario. Ficaba cortada, morta, feita leña sobre o chan, unha leña que recende a figo verde, e da que gardo un anaco como recordo dos tempos pasados que xa non volverán.

*Veciño do Chorón

Compartir el artículo

stats