Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

O Vigo ‘noir’ no Vigo literario

Na emocionante homenaxe que o Club Faro de Vigo tributou a Domingo Villar, ademais de salientarse a dimensión humana e os valores éticos do escritor vigués, destacouse o seu papel decisivo na ampliación do territorio do “Vigo literario”, unha xeografía literaria que Iolanda Galanes Santos, profesora da Universidade de Vigo, chamou “Vigo noir”, sintagma acuñado por Xaquín Núñez Sabarís nun traballo publicado na revista Tintas. Quaderni di letterature iberiche e iberoamericane (Universidade de Milán, 2019). Un texto académico no que o profesor da Universidade de Minho estuda o papel da novela negra no campo cultural galego, dende a publicación de Crime en Compostela (Xerais 1984), a novela alboral deste xénero de Carlos G. Reigosa. Artigo no que Sabarís focaliza o seu interese nas achegas de tres vigueses, o propio Domingo Villar, autor de Ollos de auga (Galaxia 2006) e A praia dos afogados (Galaxia 2009), Pedro Feijoo, autor d’ Os fillos do mar (Xerais 2012) e Francisco Castro, autor de Tes ata as dez (Galaxia 2014), nas que en todas catro identifica unha localización e ambientación viguesa como marca específica de espacialización do texto literario capaz de construír unha certa cosmovisión dunha narrativa cooperativa co lector ou lectora.

Coma fixera Camilleri coa súa Vigata siciliana, nas súas tres novelas protagonizadas polo inspector Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez, Villar fixo do Vigo metropolitano unha cidade literaria en clave do xénero policial. Dende a súa primeira novela, na que recoñeceu a Reigosa apelidando así a súa primeira vítima, deseñou a paisaxe dunha xeografía literaria propia con paradas na Taberna de Elixio, no Bar Puerto de Areal, na Escola de Artes e Oficios, no Pirulí (o vello Xeral), na lonxa do Berbés, no quiosco das Almas Perdidas ou no xardín histórico da Alameda. Unha xeografía estendida sobre a ría no porto de Panxón, no faro de Monteferro, na parroquia de Tirán na banda do mar, que tiña previsto ampliar a Santa María de Oia onde anunciara se localizaría a cuarta entrega, Ondas de inverno. Como exaltou nas novelas o coidado artesanal das vides, un xeito de homenaxear ao seu propio pai, debullou as mellores receitas da nosa culinaria popular (viva a pata con garvanzos!), reivindicou a conservación da arquitectura pétrea viguesa do Ensanche ou homenaxeou a Carlos Oroza, o noso poeta peripatético. Expresións todas dun espazo emocional, no que destilou o espírito máis xenuíno de Vigo como urbe metropolitana de fronteira, portuaria e mariñeira, estendida sobre a ría, posuidora dun elixir propio presente no recendo do salitre.

Esta transformación da xeografía metropolitana viguesa en espazo literario e emocional, “relato noir da cidade”, en palabras do profesor Núñez Sabarís, da que Domingo Villar foi destacado pioneiro, tivo continuidade durante a segunda década do século nas novelas xa citadas de Pedro Feijoo e Francisco Castro, como nas doutros autores e autoras que asumiron a ambientación viguesa como marca cultural específica das súas tramas policiais. Unha relación da que forman parte Manuel Esteban, autor de tres novelas protagonizadas polo inspector Carlos Manso, A ira dos mansos (Xerais 2016), O meu nome é Ninguén (2018) e A vinganza dos homes bos (Xerais 2002); Beto Luaces, autor da triloxía formada por Vicus, un lugar común (Bolanda 2017), Vicus, un lugar aquelado (Bolanda, 2019) e Vicus, un lugar afastado (Bolanda, 2020); Elena Gallego, autora de Sete caveiras (Xerais 2014); Alicia Borrás, autora de La voz rota (Elvira 2018); Daniel Cid, autor de La gabardina azul (Ediciones B, 2017) e Óscar Vázquez de Lima, autor de Ángeles robados (Maluma 2018), entre outras.

Títulos de thrillers aos que se podía poñer a etiqueta de “Vigo noir”, que forman parten dun fenómeno máis amplo e vizoso, o do “Vigo literario” en lingua galega, recollido no excepcional proxecto do “Mapa literario de Vigo” deseñado pola Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas. Un amplo catálogo que ofrece dende títulos pioneiros da escritora María Xosé Queizán, como Amor de tango (Xerais 1998), a outros máis recentes de Ledicia Costas, como Infamia (Xerais 2018) e Golpes de luz (Xerais 2021), pasando por aqueloutros convertidos en clásicos modernos como Panificadora (Xerais 1994) e Unha historia que non vou contar (2009) de Cid Cabido, Cemiterio de elefantes (Xerais 1994) de Fran Alonso ou Cabalos e lobos (Xerais 2015) de Fran P. Lorenzo, entre outros dunha relación máis ampla.

Vigo, a cidade amada de Domingo Villar, para el “un animal durmido ao bordo da auga” (O último barco, 2019), configurouse nas dúas últimas décadas como un espazo literario propio, e polo tanto emocional, ese “Vigo noir” e “Vigo literario”, do que os vigueses e viguesas podemos sentirnos orgullosos.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats