Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reveriano Soutullo e a música de Wagner

A finais do XIX a obra de Richard Wagner (Leipzig, 1813 - Venecia, 1883) provoca en España un importante revulsivo, revitalizando a figura do compositor, que representaba o vangardismo e a multidisciplinaridade, concibindo o propio autor o drama operístico como obra de arte total. El elaboraba a música, o libreto e a escenografía das súas obras.

Emilia Pardo Bazán escribiu no 1906: “se consideramos en Wagner só ao compositor, non veremos senón unha vertente da montaña enorme do seu xenio. Wagner foi tan gran poeta, tan gran teórico, e ata tan gran escenógrafo, como compositor de música”.

Con respecto á difusión e introdución da música escénica de Wagner en Galicia, escribiu Montserrat Capelán que: “nun primeiro momento non penetrou en Galicia a través dos teatros senón por outras dúas vías: a música de salón e as bandas”. No caso da música de salón foi a través das interpretacións pianísticas, sobre todo pola multitude de transcricións, reducións ou fantasías, fomentándose por medio de premios, por exemplo o que ofrecía o deputado Bugallal, consistente en interpretar a abertura de Tanhaüser para piano só, concurso que se celebraría no certame musical de Ponteareas en 1897. En canto ao repertorio de banda, as transcricións eran habituais a finais do século XIX e principios do XX, tocadas por agrupacións militares ou municipais, debido ao número de instrumentistas e instrumentos utilizados. Como exemplo da recepción en Vigo do devandito repertorio mencionamos a partitura arranxada no 1900 para a Banda de Música Municipal de Vigo (BMMV) polo director da mesma, José Borrero, do primeiro preludio da ópera Lohengrin. Este repertorio está enmarcado dentro dos arranxos ou adaptacións de obras sinfónicas orquestrais, converténdose nunha das maneiras de poder achegalo ao público en xeral e non só ao que tiña acceso aos teatros. Debemos lembrar que xunto a estas obras programábanse polcas, mazurcas, valses, fantasías, melodías galegas, pasodobres e seleccións das zarzuelas ou operetas, que estaban de moda. Moitas das interpretacións eran efectuadas ao aire libre, habitualmente nos chamados templetes ou quioscos, construídos para o efecto.

Soutullo realizou a súa achega para este tipo de formacións coa transcrición da abertura da ópera Tanhäuser, realizada para a BMMV. En 1905 a banda interpretaba na Alameda viguesa a marcha e coro de Tanhäuser. No 1915 contribuíu ao concurso peninsular de bandas civís, militares e de orfeóns, organizado pola Asociación Popular de Vigo, cun arranxo da Cabalgata das valquirias da ópera A valquiria de Wagner.

A influencia da música de Wagner na de Soutullo quizás xa se podía ver reflectida na composición do cadro dramático titulado A corte de don Rodrigo en plena orxía, realizada en 1906 para optar ao premio de composición -que obtivo por unanimidade sendo o presidente do xurado Tomás Bretón- no conservatorio madrileño. O periodista Luís Martínez de Escauriaza declarou sobre a obra: “a ópera consta dun preludio inspiradísimo de sabor wagnerista [sic] na parte sinfónica e da escola e factura de Berlioz na melódica”.

Reveriano Soutullo foi membro da Asociación Wagneriana de Madrid dende 1911. Esta nacera co obxectivo de difundir a obra de Wagner e constituíuse despois da estrea no Teatro Real da ópera Tristán e Isolda.

Por último, subliñar que Soutullo sentía unha profunda animadversión por todo o relacionado co americano, chegando a declarar no 1929: “a lamentable invasión de todo o barbarismo norteamericano, destruíu, agostou as sementes dese labor que comezaba a desenvolverse, e aproveitándose dese mal gusto imperante, apareceron uns pseudos compositores que converteron a arte nunha verdadeira prazuela de mercachifles e os escenarios de máis nobre raizame lírico, víronse envoltos nesa onda encenagada de chabacanería, cos seus ‘jazzband’, tangos, máis ou menos milongos, e toda esa serie de ruídos que algúns, por equivocación chaman música”.

*Pianista e Doutor pola UPV. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats