Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

De bolina

Xosé Ramón Pena

Ialta, Corea, Ucraína

Corea, Katanga... Estou ben certo de que moitos/todos aqueles de entre os, sempre moi amables, lectores destas páxinas semanais que conten cunha certa idade han de ter cumprida memoria da presenza de semellantes topónimos na xeografía de noso. “¡China, Japón, Corea e Labañou!”, berraban, en efecto e con tonalidades de alcume e desafío, os rapaces do meu barrio coruñés, aló polos anos sesenta do pasado século. E é que acontecía que os inicios na construción da referida barriada, no noroeste da cidade e dentro dos límites da parroquia de San Pedro de Visma, aínda resultaban próximos do conflicto vivido en terras asiáticas entre xuño de 1950 e xullo de 1953. Unha cercanía temporal que se aveciñaba aínda máis no caso do meu “territorio”, Katanga, toda vez que aqueloutra cruenta guerra en terras do Congo durou desde 1960 a 1963.

Ignoro, desde logo –“mudan os tempos, mudan as vontades”, sentenzou o poeta–, se esoutros vocábulos, “Donbass”, “Ucraína”, causarán un impacto e mais unha pervivencia semellantes. En todo caso, e tal e como se deseña, ou parece deseñarse, a situación na hora presente, tal caiba que as afinidades, as concomitancias entre o caso coreano e mais a conxuntura pola que están a atravesar aquelas terras do leste europeo si que deveñan posibles: e iso porque, unha vez que a invasión rusa non se foi concretar de ningún xeito como unha nova blitzkrieg por parte das tropas de Vladímir Putin, a fin dos combates –e mais a chegada dun alto ao fogo e, xa non digamos, dun armisticio e/ou acordo de paz entre as partes implicadas– dista ben de poder enxergarse no horizonte. Polo menos, non nun prazo curto.

A quen beneficia, ou pode beneficiar, unha guerra longa en Ucraína? Velaí a pregunta que se formulan, e para a cal andan a procurar resposta razoada, os diferentes expertos analistas de todo o mundo. Mais trátase, sen ningunha dúbida, dun inquérito intrincado: e é que, miremos para onde miremos, as brétemas interpóñense no camiño das luces unha e outra vez.

Poida que as tropas ucraínas acaden novos éxitos; porén, cabe coidar ben asemade que, cando máis e máis se prolongue o conflicto, maior será o grao de destrución e de sufrimento do seu país. Tanto que as vantaxes na esfera militar poden ficar arrombadas de vez por mor dun colapso socio-económico. Agora ben; iso mesmo –e malia toda a retórica triunfalista e mais a confianza cega nuns (supostamente) ilimitados recursos humanos e enerxéticos– lles pode acontecer, da súa parte, aos actuais donos do Kremlin; un xigante con pés, senón de barro, tampouco solidamente alicerzados como quixeran Vladímir Putin e os seus.

"Unha nova Ialta? O problema está en que Ialta apenas si funcionou como oficina de rexistro"

decoration

Os Estados Unidos e China parecen gañar, a primeira vista, si ou si na contenda. Con todo, os primeiros ben poden poñerse a bambear calquera día destes diante dun excesivo compromiso coas cousas europeas –e que os distraia, xa que logo, doutras frontes esenciais– mentres os chineses, sen acabaren nunca de amosar urbi et orbi unha opción clara, acaso prosperen tanto como perden nun contexto xeral de desestabilización. Canto a Europa... ai Europa, que difícil manter a liña de frotación en augas tan revoltas! E é que se, de entrada, mesmo parece avanzarmos nun espírito de cohesión, acontece que, nun contexto de incertidume prolongada sine die, a opinión pública dos diferentes estados pode tornarse lábil; demasiado lábil para os nervos dos políticos sistémicos!

“Fai falta, e para xa, unha nova conferencia de Ialta (e/ou de Potsdam)”: velaí a estima, mesmo o degaro, dalgúns/bastantes observadores. Mais o problema está –e contra o que certos relatos pouco rigorosos sosteñen– en que en Ialta/Potsdam nin sequera se procedeu, como din, ao reparto do mundo. Antes ben, aquilo veu funcionar como simple oficina de rexistro dunha conxuntura determinada polas conquistas militares de Aliados e soviéticos, máis nada. En consecuencia, tal vez teñamos que acudir a 1953 e ao Armisticio de Panmumjom na procura de referentes máis válidos. As consecuencias do mesmo aínda perduran. As feridas e mais o medo tamén.

Compartir el artículo

stats