Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Compañel en imaxe

A fantasmal aparición dun retrato fotográfico de Juan (chamémoslle Xohán) Compañel é unha noticia que alegrou a historiadores e cursidosos da historia, vigueses e galegos. Despois de 165 anos de permanencia nun álbum particular, a foto saiu á luz pública como ilustración dun artigo de Carolina Sertal no mesmo FARO DE VIGO que fora competencia antano de ‘La Oliva’ e ‘El Miño,‘ os periódicos progresistas e protonacionalistas que imprimía Compañel na Rúa Real desta cidade.

Leo que o descubridor da foto foi José Luis Mateo Álvarez e, tamén, que Xurxo Martínez, Carlos Castelao e outros investigadores implicados manifestan a súa satisfacción polo do achádego. O rostro que se percibe na foto semella macio. Ollada perdida so a fronte despexada e o cabelo laso e ben peiteado, tal vez loiro. Unha lixeira inclinación da testa contribúe a difuminar a ollada indecisa. Ao mesmo contribúe a boca entreaberta, cun bigote do xénero fino que está a anunciar o futuro retrato de Marcel Proust. O gabán folgado e a chalina escandalosa son excesos que morixera a levedade da bengala de cana que dous dedos sosteñen.

Un atrevido (na época) cruce de pernas suxire que o suxeito milita na hoste revolucionaria pero que se encontra entre a cuadrilla que serviu de etiqueta ao Cuarto Estado no Banquete Democrático de Conxo. Os zapatos, sen amallós nen febilla, podían ser os dun “bailarín de porcelana” por usar verbas de Valle-Inclán. Así retratou o fotógrafo Cisneros a Xohán Compañel en Vigo, 1857. Os que imaxinabamos o personaxe con blusa ao Germinal e proletaria movéndose pola imprenta, entre cheiro a chumbo e pó venenoso, levamos unha sorpresa ao coñecermos a verdadeira figura de Xohán Compañel vestido para saír ás rúas céntricas de Vigo cando a segunda metade do século XIX comezaba a correr. Compañel nacería na década de 1830 igual ca a pléiade dos autores e autoras da que se pode chamar Xeración de Murguía.

Coma todos eles, asistiu de rapaciño aos episodios lacerantes da Revolución de 1846 e tivo noticia dos fusilamentos de Carral. Esta xeración coñece un intre de activismo: cal é a súa participación, inclusive coas armas na man nos sucesos de xullo de 1854-56 que completan o chamado Bienio Progresista. Xohán Compañel debe ser visto cos mesmos lentes cos que Karl Marx leu o argumento do citado período histórico español. En todo caso, benvida esta corporeización inagardada da efixie de Xohán Compañel.

Compartir el artículo

stats