Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

Cortázar en Redondela

As alamedas Castelao de Redondela e Rosalía de Castro de Chapela posúen a singularidade de perpetuar natureza, lecer e memoria dende que no mes de xuño de 2019 algúns dos seus bancos foron identificados cunha placa na que se lembra a intelectuais e artistas relacionados dalgunha maneira co concello dos viadutos. Unha iniciativa de conservación da memoria histórica tan humilde como eficaz e respectuosa, posta en marcha polo concello dende o servizo de Normalización Lingüística, que homenaxea a figuras tan diversas como as de Mendiño, trobador; Casto Sampedro Folgar, pescudador do folclore; Reveriano Soutullo, músico; ou de Salvador Dalí, o pintor que deu o seu nome a unha camisa feita na fábrica de Regojo. Unha iniciativa retomada nos meses pasados engadindo novos nomes a outros bancos como os de Alejandro Otero, médico no exilio; Telmo Bernárdez, médico e alcalde fusilado en 1936; José Figueroa, emigrante no Brasil e filántropo; Ernestina Otero, mestra; Antonia Míguez Lago, sindicalista; Juana Domínguez Núñez, dona da taberna Nador; o das Mulleres Solidarias de San Simón e do buque Upo Mendi; Ignacio Ramonet, xornalista; o da estirpe Cal de fotógrafos; o de Rita Regojo, fundadora da ONG Aldeas Infantís ou o de Suso Vaamonde, cantor e veciño de Chapela, entre outros.

“Julio (Cortázar) e Aurora, encantados coa súa primeira experiencia galega, volveron o verán seguinte”

decoration

De todos estes bancos da memoria da alameda de Redondela chamou moito a miña atención o dedicado a Julio Cortázar, o escritor que desexou se chegaba algún día a ter un dous cabalos “levar a Aurora a Galicia, instalar cuarteles de primavera en Redondela” e “dedicarse aos paseos, á pesca e a herborizar como Rousseau”. Unha metafóra para a historia recollida da carta que o cronopio escribiu en 1956 ao seu amigo o pintor Eduardo Jonquières dándolle noticias da súa primeira viaxe a Galicia coa súa muller, Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos, que pasara varios anos da súa infancia en Vigo e Ourense. Unha viaxe de vacacións a Galicia do matrimonio residente en París que sería lembrada pola propia Aurora nun texto memorialístico que permaneceu inédito até 2015 (‘El País’, 11 de novembro) no que cita a sorprendente paisaxe redondelá no relato dunha longa viaxe nun tren de Renfe, “con cheiro a caspa e sono nos gastados asentos de felpa”: “Por sorte, antes de chegar a Santiago, estivo o agasallo do Miño verde, eglóxico, e de Redondela dende o alto cos seus piñeiros e o seu mar azul meténdose sinuoso na terra”.

Julio e Aurora, encantados coa súa primeira experiencia galega, volveron o verán seguinte (1957) a Galicia para montar o seu cuartel durante tres semanas no hotel Miramar na praia de Lourido, a mesma que un emigrante arxentino pretendera nos anos trinta transformar no Balneario de Galicia e puxera o nome de praia América. Días inesquecibles en Nigrán nos que na correspondencia coas súas amizades Julio confesa que dominaron os ventos e as nubes, o que non impediu que el se bañará como un poseidón. Días nos que a parella paseará polo Val Miñor tomando fotos coa curiosidade de quen pretende saber das características dos cruceiros e dos hórreos que os responsables do hotel chaman para a sorpresa de ambos os dous “canizos”. Camiñadas polo piñeiral da península do Monte Lourido, nas que o gran cronopio identifica un arrecendo marabilloso e unha serenidade única. Días felices dos que de regreso a Vigo, no mesmo tranvía no que chegaron, camiño de París, levarán algunha que outra marca do sol e do vento de Lourido e unhas cantas fotos, algunhas extraordinarias como as tiradas ao pé do peto de ánimas na ponte romana da Ramallosa sobre o Miñor, que formarán parte da súa colección e memoria literarias.

Fotografías tiradas por Julio e Aurora que forman parte do legado fotográfico de máis de catro mil pezas e cinematográfico (dúas horas de gravación) do autor de Rayuela, que Aurora Bernárdez, albacea de Cortázar, doou en 2005 á Xunta de Galicia, para ser conservadas no Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI) con sede na Coruña. Un legado que transforma.

Compartir el artículo

stats