Antía Cal, precursora dunha auténtica educación integral para a cidadanía, deixa unha herdanza extraordinaria por coherente, anticipada e humanista. Nada na Habana onde estudou no plantel de ensinanza Concepción Arenal do Centro Galego, probablemente fora alumna doutra precursora, Andrea López Chao, luguesa como a súa familia, feminista e defensora dos dereitos humanos. Non podo deixar de atopar un vínculo notable entre ambas as figuras, sobre todo coñecendo o valor que daba á formación en valores -e con valores- desde os primeiros anos da nenez. Esa foi a súa máxima e a inspiración que a moveu a seguir o maxisterio de Pestalozzi e Sensat. Cómplice até o derradeiro alento do seu compañeiro de vida, Antón Beiras, teimou en estudar e ser independente economicamente cando iso non era o habitual.

Tita, como gustaba de ser chamada, creou un colexio único no seu tempo, o Rosalía de Castro, trilingüe, laico e pedagoxicamente avanzado. Mediada a década dos 60, co franquismo vizoso e co galego estigmatizado como lingua secundarizada, situouno a carón do castelán e do inglés, desterrou os malos tratos tan habituais daquela como método “educativo”, e familiarizou ao alumnado con figuras senlleiras da cultura e da ciencia galegas nomeando aulas onde se repartían coñecemento e amor a partes iguais.

Antía foi exemplo para moitas xeracións que a veneraron por sempre e que hoxe sentirán un desconsolo compartido por quen tivemos o privilexio de coñecela, tratala e sentir o seu cálido alento. Fica con nós o seu libro de memorias, Este camiño que fixemos xuntos, e o seu testemuño no documental A palabra xusta, de Miguel Piñeiro. E fica no rueiro vigués e dando nome a moitos colexios, pero, sobre todo na memoria dos seus escolantes. Un deles díxome ao coñecer o seu pasamento que “a mellor ensinanza de Tita foi o respecto á liberdade dos demais e, malia saber co paso do tempo que o que nos deron foi algo moderno e mesmo rupturista, nunca tivemos a sensación de estar facendo algo revolucionario e diferente”.

Velaí un dos fermosos legados -que non o único- de Antía Cal: facer do extraordinario o cotián.

*Xornalista. Directora do CDIF-Consello da Cultura Galega