Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

En febreiro celebramos a palabra

Febreiro, que xa está chamando á porta con forza, é un mes de efemérides fermosas. O día 18 celebramos o aniversario da entrada do Nautilus na Ría de Vigo, o famoso submarino capitaneado por Nemo en Vinte mil leguas baixo dos mares, esa epopea mariña onde ciencia, progreso e fantasía van da man. Remontémonos un instante ata o 1868. O capitán Nemo diríxese ao profesor Aronnax, o seu prisioneiro, e pronuncia unhas palabras que lembramos cada ano, nesta altura: “E ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo, e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos”. Sempre me pareceu moi bonito e tamén moi singular, celebrar un feito sucedido na ficción literaria. Primeiro chegou o capitán Nemo a Vigo e, anos despois, fíxoo en persoa o propio Jules Verne, que nos visitou no 1878 e no 1884. O sábado 19 de febreiro, a Sociedade Vigo Verne, despois de dous anos de paréntese obrigada pola pandemia, retomará a tradicional lectura do capítulo 8 de Vinte mil leguas baixo dos mares nas Avenidas, diante da estatua do escritor de Nantes. Por certo: entre os integrantes da sociedade respírase a emoción de saber que a nosa cidade foi designada pola Sociedade Hispánica Jules Verne para ser a sede do V Congreso Internacional que se celebrará en 2028, coincidindo co bicentenario do nacemento do escritor e recollendo o testemuño de Colombia. Un evento de valiosa importancia que requirirá esforzo e ilusión a partes iguais.

Tamén no mes de febreiro, en concreto o día 23, celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Como cada ano, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega impulsa numerosas actividades, ademais de propoñer á cidadanía que agasalle cun libro galego e cunha flor ás persoas queridas. É xa tradición escoller unha autora ou autor galego para que redacte un manifesto. A autora elixida para esta edición foi Beatriz Maceda, cun texto titulado “Pensar (te) Libre”, que empeza con esta rotundidade: “Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua”. O sábado 19 de febreiro, no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela, Beatriz Maceda lerá o manifesto no acto central. Mais a AELG promove celebracións por toda Galicia, incluídos os centros de ensino, lugares de especial importancia para difundir a figura e a palabra de Rosalía de Castro. O lema escollido para 2022 é #SementadePensamentos, que nos levan irremediablemente a estas palabras da propia poeta: “Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino”.

Compartir el artículo

stats