Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Aventuras fundacionais de don Alejo

Conta Eva Miguez que o castelo de Sobroso (no monte de Landín, Mondariz) abrirá outravolta as súas portas ao público cando “arregañe os seus dentes Primavera”. Houbo alí obras: sempre coñecín obras en Sobroso. E comeza unha xeira nova para este castelo cuxos alicerces orixinarios se sitúan no século XII. Tivo Sobroso, no pasado, diversos señores empoleirados. Entre os cales, aquel Pedro Madruga cuxa figura segue a fascinar na Galicia contemporánea.

Alejo Carrera Muñoz (1893-1967) seica lle comprou ao conde de Torre Cedeira, no ano 1923, un Sobroso en ruínas por 5.000 pesetas. Adquiriu o castelo, moito despois, un concello. Non o de Mondariz senón o de Ponteareas, e non sei para que usos. Toda unha anomalía. Don Alejo era brillante, eficaz e xeneroso. Dedicou moita vida, e parte da súa fortuna personal, a reconstruír a fortaleza. Sobre 1955 celebrábanse nela actos literarios dos que o FARO daba información detallada, non en van don Alejo era colaborador moi aprezado do xornal.

Nestas veladas saían Cuña Novás, C. E. Ferreiro, Castroviejo e outros escritores a enmeigar a concorrencia coa evocación do Mariscal Madruga (fórao de Tui) e dos “condes entolecidos do século XV” que sempre dicía Cunqueiro. Carrera Muñoz procedía da maré agrarista que en Galicia fixera encher, con lingua de fogo, Basilio Álvarez. Fundou e dirixiu a revista 'El Sobroso', republicana. Promoveu que a súa freguesía nativa, San Martiño da Portela, pasase a se chamar oficialmente Vilasobroso (aínda conforma castelanizante). Logo, e usando das leis, don Alejo traballou na conversión de Vilasobroso en “entidade local menor” dentro do concello de Mondariz. Dotouse Vilasobroso de himno, bandeira e escudo republicano propios.

A maior parte das entidades locais menores hoxe vivas en Galicia radican con Vilasobroso en territorio de Turonio. Dame o corpo de que na xestación e animación de todo isto estivo a influencia de don Alejo Carrera Muñoz. Falo de Morgadáns (Gondomar), Chenlo (O Porriño), Bembrive (Vigo), Camposancos (A Guarda), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos (tamén Mondariz) que seguiron a mesma vía autonomista e parroquialista (trazada polas Irmandades da Fala) ca Vilasobroso. Ao que parece, o nacionalismo galego actual renunciou ao seu propio programa histórico no que se refire a este punto. Non se sabe por que. Esperamos que no novo discurso museístico de Sobroso haxa lembranzas permanentes de quen foi o seu primeiro restaurador e maior propagandista. E que non lle poupen a este monumento a iluminación eléctrica que o facía lumbrigar, alto e lonxe, coma unha aparición máxica do castelo encantado de Ludovico Ariosto.

Compartir el artículo

stats