Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vigo sen cruz

As sete cruces presentes no escudo de Galicia poideron ser substituídas por unha fouce de ouro coa estrela vermella de cinco puntas e todo abrazado por unha estola na cal, en letra epigráfica, se lese: “Denantes mortos que escravos”. Este brasón estaría sostido pola muller-peixe dos Mariños de Lobeira. Tal escudo é de inspiración republicana, polo que a coroa adopta o modelo mural. A proposta de novas armas galegas foi lanzada por Castelao na revista Nova Galiza, se non lembro mal, durante a guerra de Tres Anos (así escribía Vicens Vives). Anos despois, o corpo de Castelao foi repatriado e sepulto nun Panteón de Galegos Ilustres que non tardaría en ser usurpado polo arcebispo de Compostela.

"A primeira cidade de Galicia foi definida por Otero Pedrayo non coma unha urbe senón coma unha bisbarra"

decoration

O novo estatuto non era o republicano que se votara masivamente senón outro non moi querido polo pobo. O escudo de Galicia prescrito polo réxime do 78 tampouco foi, naturalmente, o republicano ideado por Castelao senón un brasón referido á eucaristía no que campan sete cruces que representan as cidades históricas do vello reino. O caso é que, nunha vista de ollos ao escudo de Galicia vixente, chama a atención que dúas grandes cidades de Galicia non se vexan simbolizadas con cruz ningunha: unha é Ferrol e outra é Vigo. Unidas pola forza do movemento obreiro, Ferrol e Vigo teñen orixes moi diferentes. A razón borbónica de Estado configurou o Ferrol que coñecemos e que está irmandado con Vigo co acontecemento de 1972. Pero Vigo é outra cousa.

Esta que é a primeira cidade de Galicia hoxe en número de habitantes e en dinamismo foi definida por Otero Pedrayo, non coma unha urbe senón coma unha bisbarra. O que foi chamado Grande Vigo coincide coa vella Terra de Turonio ou sexa: o país que limita ao norte coa ría de Vigo, ao sul coa República Portuguesa, ao leste cos lobos e cotos do Suído, e, finalmente, cun oeste oceánico en cuxa banda de aló se asenta Nova York. Portanto, Vigo é barrio, parroquia civil, fábrica, porto, centro literario, fervedoiro das artes e as ideas. Escribiu Carlos Martínez Barbeito algo así: “de Vigo non se pode falar para moito tempo”. Fora da realidade oficial, Vigo carece de cruz no reconto heráldico das cidades de Galicia. Se cadra, por iso Manuel Antonio introduciu o nome de Vigo na súa obra como único topónimo galego que merece unha cita nos espazos da absoluta radicalidade poética.

Compartir el artículo

stats