Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

“Chile a la vista”

O médico socialista e republicano medular Salvador Allende encabezou o intento de paso pacífico ao socialismo nun estado, Chile, ben capitalista e imperializado polos USA. Naturalmente, o doutor Allende, co seu partido, puxo en práctica a fórmula que lles fora proposta aos pobos pola Komintern: a Fronte Popular que, no seu país e naquela feita, recibiu o nome de Unidade Popular. Triunfou a UP e foi capaz de nacionalizar a partir de 1970 sectores clave da economía chilena. Pero en setembro de 1973 o exército, os capitalistas, os terratenentes, a igrexa católica, so a protección norteamericana, executaron un golpe de estado no curso do cal Salvador Allende foi morto, non sen deixar atrás fotos nas que o presidente humanista empuñaba un fusil de asalto que podía simbolizar unha impugnacion da posibilidade real de paso pacífico ao socialismo.

Estes acontecementos foron seguidos da implantación dun réxime que afundiu Chile na desigualdade e no terror. Milton Friedman aplaudiu o golpe militar cuxa cabeza visíbel era o xeneral Augusto Pinochet. Os uniformados declararon o estado de sitio para operaren de mans libres. Tanto crime e opresión fixéronse imposibeis de soster e a CIA, dacordo cos actantes fascistas chilenos, practicaron as reformas precisas para que non mudase o esencial e veliquí que chegamos ao presente mes e ano, coma escribira o poeta italiano, en que, nunhas eleccións presidencias acaban de se enfrentar, amosando as veras efixies, os dous bloques que existen na sociedade chilena. O candidato a quen apoian as forzas reaccionarias ficou derrotado. Un home de trinta e cinco anos, Gabriel Boric, recolle o herdo de Allende e vai formar goberno co cincuenta e catro por cen dos votos emitidos.

Boric representa un Frente Amplio ao que se suma o Partido Comunista. Como é característico destes tempos en que “todo o sólido se esvaece no ar”, infinidade de movementos heteroxéneos de esquerda súmanse á coalición e sentiranse representados no executivo. Boric fará moi ben en aproveitar as avantaxes que poidan reportarlle ao pobo chileno as contradicións abertas no mundo contemporáneo trala extinción do poder unipolar globalizado. Permítome usar como título desta bagatela o dun brillante libro de Eduardo Blanco Amor.

Compartir el artículo

stats