Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio García Teijeiro

Poesía e filosofía

Non son ningún especialista en filosofía, faltaría máis, pero é unha disciplina que sempre me interesou moito e que, ano tras ano, non deixo de relacionala coa poesía. Tanto unha coma a outra constrúense con palabras, son en si mesmas “creación”, poiesis, que dicían os gregos, e buscan a través delas a elevación do espírito humano.

Vén todo isto a que non deixo de ler fragmentos e apartados varios dunha lucidez extraordinaria da obra, en dous volumes, ‘Anatomía do pensar’, do catedrático de Filosofía Marcelino Agís Villaverde, editada pola Editorial Galaxia.

Canto máis leo de ambas materias máis me reafirmo no moito en común que teñen. Sei do debate que xera esta afirmación entre os especialistas, pero partindo de supostos non estritamente filosóficos –non son quen– debo afirmar que unha e outra son dúas fontes sublimes da creación humana. Dependen das palabras, do seu uso específico e da relación que os postulados expoñan. Poesía e filosofía, a partir de formas diferentes pretenden provocar a reflexión no lectorado, procuran o debate sobre o ser humano e os seus comportamentos, basean os seus contidos no uso intelixente da palabra e provocan preguntas –demasiadas veces sen respostas nidias– que nos debemos facer para comprender o papel que representamos na nosa sociedade. Unha, a filosofía, como elemento de interpretación das ideas e do coñecemento; a outra, con esa ollada nos comportamentos e no que nos rodea por medio da creación estética.

Sospeito que tanto a unha coma a outra aspiran a que o home chegue a coñecer e esixen que exista tal coñecemento

decoration

A poesía, o texto literario en xeral, lemos no segundo volume da obra, pasa a formar parte dunha tradición de pensamento que recolle e asume o proxecto do comentario humanístico. E o autor refírenos as palabras de Andrés Amorós quen afirma que “a linguaxe literaria está caracterizada por unha intensificación de elementos expresivos e afectivos ou estéticos; por unha desviación da linguaxe usual e regular e por un estrañamento fronte ao automatismo da linguaxe ordinaria”. Neste sentido, os dous últimos séculos –lemos en Anatomía do pensar– a literatura deveu un modo do coñecemento, intentando comprender o home e as súas relacións co mundo. Ademais concordo co autor da obra, en que o texto literario –e para min especialmente a poesía– permite ampliar as nosas experiencias e con iso abundar no coñecemento dun mesmo. Soa isto a filosofía? O filósofo Paul Ricoeur defende que “comprender é un comprenderse diante do texto”. Están, pois tan afastados os textos filosóficos e poéticos? Sospeito que tanto a poesía coma a filosofía aspiran a que o ser humano chegue a coñecer e esixen que exista tal coñecemento. Ambas expresan ideas mediante formas diferentes. Filosofía é, entre outras cousas, razón e poesía, literatura. Unha formúlase dun xeito abstracto na procura do universal e a poesía aspira á beleza máis ben de maneira metafórica. Ambas, tamén, posúen un certo espírito estético: a beleza lírica (a poesía) e a beleza máis invisible, quizais, do pensamento (a filosofía). Sen esquecer ese compromiso que as dúas teñen coa reflexión, algo que nos distingue como seres pensantes. Que me perdoen os filósofos o meu atrevemento pero hai tanto de filosofía na poesía…

Os dous volumes de ‘Anatomía do pensar’ son un tesouro que nos permite penetrar no excitante mundo do discurso filosófico e, ademais, en galego.

Compartir el artículo

stats