Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Banquetear, un verbo exiliado

Efectivamente, a actual lexicografía galega non recolle a voz “banquetear” malia ter aparecido en Eladio Rodríguez no seu momento. O verbo, inxustamente ignorado, probablemente teña algún pecado venial como tantos outros bendicidos polos lexicógrafos do noso instituto canonizador ao lado do disparatado barbarismo "weltanschauung". Non hai razón para relegalo, arredalo dos dicionarios, se temos “alardear” (de alarde), “basear” (de base), “batear” (de bate), “homenaxear” (de homenaxe).

O verbo “banquetear” tivo uso popular e foi frecuentemente conxugado en Bos Aires entre os compoñentes da colonia galega a partir do exilio de 1939. As causas que provocaron o seu emprego e difusión temos que procuralas nos hábitos dos exiliados que, desbordados pola derrota e nostalxia da terra, reuníanse frecuentemente como forma de sociabilidade conducente a participar da esperanza de retornar despois do remate da guerra mundial en curso. De reunións familiares ou de círculos próximos, pasouse a homenaxear, pasados os anos da devandita guerra mundial, a todos aqueles que se marchaban do país para dirixirse a outros que lle ofrecían mellores condicións ou a cercanía desexada da patria. As homenaxes e despedidas multiplicáronse deseguida impulsadas pola soedade e desánimo á que os estaban condenando as circunstancias internacionais co recoñecemento do franquismo. A frecuencia das mesmas foi ritualizando o desenvolvemento e as cerimonias da amizade. Temos noticia de decenas de banquetes de homenaxe entre os exiliados galegos desde o ano 1940 para recibir aos últimos chegados de Europa e posteriormente para despedir aos que estaban a regresar tardiamente. Foron, xa que logo, banqueteados Castelao, en numerosas ocasións, Antonio Baltar cando revalida os seus estudos de Medicina e cando marcha a Neuquén, Seoane pola concesión do premio Palanza, Neira Vilas e Anisia, cando marchan para Cuba despois de triunfo da revolución castrista, Otero Espasandín con ocasión da súa marcha para Estados Unidos, Rafael Dieste e Carmen Muñoz, cando regresan a Galicia, Otero Pedrayo, García Sabell, Fernández del Riego e outros visitantes ilustres con ocasión da súa visita a Arxentina convidados polo Centro Galego. Non sucedeu así cando esta mesma institución banqueteou a Cesáreo González no ano 1953 con ocasión dunha visita do produtor cinematográfico. Seoane e outros exiliados galegos non asinaron a convocatoria e denunciaron publicamente a mesma debido ao colaboracionismo co franquismo do produtor vigués.

Cando a convocatoria era reducida, casos de Espasandín e Dieste, por exemplo, adoitaban dirixir unhas palabras todos os asistentes que o desexasen. Cando se trataba de convocatoria pública máis numerosa, había unha persoa encargada de ofrecer a homenaxe, respondida co agradecemento do homenaxeado ao que adoitaba entregárselle un recordo colectivo do acto.

Como adoitaban asistir diferentes pintores de sona, Seoane, Laxeiro, e escritores coñecidos e admirados, caso de Lorenzo Varela e Dieste, non faltaba o rito de debuxar nunha servilleta (acreditado galicismo de uso xeneralizado), nostalxias e despedidas. Tivemos ocasión de ver as dedicadas a Seoane, Neira Vilas e Dieste; a deste último acompañada dun magnífico agasallo, unha carteira negra de viaxe cunha tarxeta dentro cos nomes de Isaac Díaz Pardo, Seoane e Lorenzo Varela, os obsequiadores. Naturalmente, ningunha das persoas mencionadas neste artigo vive hoxe en día. Viven na súa obra e na súa xenerosidade moral en defensa dos valores democráticos e da liberdade. Por este motivo temos a obriga moral de anosar as súas palabras do exilio.

Compartir el artículo

stats