Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Luís Soto en Vilanova dos Infantes

Sábado que ven estaremos en Celanova. Vaise estrear, por iniciativa da Fundación Peña Novo, un video de Pío García e Carme Vaquero sobre Luís Soto. Deseguida, en Vilanova dos Infantes descubrirase o monumento, obra de Molares, á memoria do Soto protagonista intelectual e político da historia galega contemporánea. Esta persoa cruzou coma un meteoro incendiado os ceos revoltos do seu tempo e participou decisivamente do encontro histórico entre nacionalismo galego e marxismo internacionalista.

Resultaría imposíbel interpretar o noso tempo prescindindo da aportación e influencia política de Soto. Nas súas memorias, editadas por Xerais, Soto reférese aos modelos humanos máis próximos á súa condición e pensamento. Castelao en primeiro lugar. Axiña os membros do PCE que nos anosde guerra e de guerrilla antifranquista asumiron os dereitos nacionais galegos, como foron os casos de Gayoso e Benigno Álvarez. Ao mesmo tempo, Alexandre Bóveda, que morreu, republicano e nacionalista, en defensa do Frente Popular. A memoria, fragmental, traeme refachos de acontecementos nos que Soto brilla. A incorporación á primitiva UPG, en 1963, de figuras senlleiras do exilio, coma Luísa Viqueira ou Xan López Durán. As revistas A.T.E.O, Escuela del Trabajo, Loita, Saudade, Vieiros. A insistencia na unidade popular como estratexia de liberación nacional e antifeixista. Xorde Soto, así, un vintecinco de xullo en Compostela presidindo, tras das bandeiras de Galicia Ceibe e PGP, a manifestación independentista. Enrique Líster marcha ao seu carón antes de que cargase selectivamente a nova policía borbónica. Agora é 1966 e Soto dirixe a homenaxe a Celso Emilio Ferreiro en Ourense que había de se converter no primeiro mitin aberto das esquerdas activas en Galicia. Alí ouvimos a voz de Otero Pedrayo erguerse contra o capital monopolista de Estado en función de novo feudalismo en Castrelo de Miño.

Figúrasenos Castelao, anos atrás, en Manhattan, 1938, recibindo de mans de Soto os escritos de Stalin relacionados coa cuestión nacional e o dereito a autodeterminación. Veleiquí, unha macedonia de reminiscencias vivas que foron longo tempo maceradas no noso interior. Recoméndase a lectura de: Xurxo Martínez, Luís Soto. A xeira pola unidade, Xerais, Vigo, 2013.

Compartir el artículo

stats