Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Del Riego na Areosa

Francisco Fernández del Riego, nado en Vilanova de Lourenzá en 1913, foi un intelectual e un político que residiu en Vigo a maior parte da vida. Igual ca outros nacionalistas galegos, desexou que a capital económica, política e cultural de Galicia chegase a ser Vigo. E, en Vigo, puxo en marcha, nos anos cincuenta, a Editorial Galaxia e a Fundación e biblioteca Penzol. Tamén X.M. Álvarez Blázquez con Luís Viñas Cortegoso fundaron, daquela, aquí, a Monterrei.

Del Riego legoulle a Vigo, alén dos seus libros, a colección de arte que reunira ao longo da vida. A cidade agradeceulle os favores recibidos. A fins do século XX foise configurando, no antigo bairro da Areosa, unha praza que comenzaba a ser coñecida como Elíptica. Felizmente, o concello acordou imporlle o nome de Praza de Fernández del Riego. Unha excelente cabeza escultórica de Del Riego, obra de Álvaro de la Vega, centra a praza xunto cuns volumes abstractos de calidade cuxa autoría descoñecemos. Por aquela zona resistiu o paso dos séculos a igrexa vella de Santiago de Vigo, e coido que tamén resiste, co nome de Areosa, un equipo de fútbol de certa antigüidade.

"Del Riego foi militante republicano e nacionalista, si. E tivo Vigo como centro da súa acción"

decoration

Del Riego foi militante republicano e nacionalista, si. E tivo Vigo como centro da súa acción. El foi quen iniciou, nunha operación coñecida internamente coma “reconto”, a posta en funcionamento dun Partido Galeguista aniquilado polo franquismo nos primeiros anos 40 do século pasado. O “reconto” tivo como escenario principal Vigo e nel estiveron comprometidas personaxes relevantes coma Enrique Peinador ou Manuel Gómez Román. Podemos asegurar que, de Vigo, partiu o proceso de reconstrución do PG no conxunto de Galicia, tendo Del Riego como organizador ao mando. Del Riego consegiu reunir un Comité Galego do Frente Popular con supervivintes socialistas, republicanos, comunistas e galeguistas. Vigo tivo importancia decisiva nesta operación, e triunfou a proposta de nomear Castelao ministro daquel goberno da República Española que presidiu o doutor Giral en París. Pero o franquismo non caeu ca vitoria dos aliados, e a restauración da legalidade republicana, na que se incluía o Estatuto de Galicia, nunca tivo lugar.

Pouco despois do fracaso do goberno de Giral, Del Riego era preso na cadea de Príncipe e acusado de pertenza a unha organización de intelectuais libres da cal, efectivamente, formou parte. Na cidade de Vigo, Del Riego escribiu milleiros de páxinas, ben delas publicadas neste mesmo xornal. Entendemos que o actual concello debería divulgar información sobre a personalidade cultural e política de Del Riego nalgún punto visible do espazo público que hoxe leva o nome do polígrafo resistente.

Compartir el artículo

stats