Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Especulacións

Beizón a Marta Abalo e a Fernando Ramallo que traballan no segundo volume daquel Fondo dos Espellos que viu a primeira luz nestas páxinas. Eles pregúntanme sobre o sentido do título, cousa que me resulta difícil de precisar. Os borgeanos afondaron no tema dos espellos ou pequena obsesión do autor de “El Aleph”. Este escribiu en inglés palabras terminantes: “os espellos e a paternidade son abominabeis”.

Terror, producíalle aos meniños do meu tempo, e en todas as salas do cine de Occidente, o espello máxico da madrasta que Walt Disney metera na película de Branca Neves cuxas imaxes coñeceron unha segunda vida popular en forma de álbum de cromos. Desde o xeneral do Losada, en Ourense, alguén increpou unha bruxa madrasta en diálogo co espello infernal. Recoñecín a voz, tipo corneta, do Suso, rapaz algo maior ca nós que había de morrer afogado no río da Barbaña. “Filla de puta!”, berráralle o amigo Suso, desde o galiñeiro, a quen encarnaba, para aquela infancia alouleada polo cine, a odiosa paixón da envexa.

"O espello memorábel do pasado fabuloso de Galicia é o da Torre que foi chamada de Orosio, que aínda está en pé na Coruña"

decoration

Se ollamos a escultura de San Rosendo, na fachada da igrexa de Celanova, reparamos en que leva nas mans, alén dun compás, un couso do que se ten dito que é un espello. Nós calculamos que Rosendo manexou máis a espada ca o compás dos xeómetras e o espello dos meigos. Xosé Benito Reza, que anda estes días en combate desigual con muíños xeradores de enerxía eléctrica, estuda a relación numérica dos compases e dos espellos coa construción e proxecto de edificios.

O intento de adiviñar o oculto tense relacionado con espellos prodixiosos e con espellos que poden darnos imaxes multiplicadas até o infinito. Hai espellos deformantes, coma os que existían (non sei hoxe) na Calle Álvarez Gato de Madrid. Espellos estes que lle suxiriron a Valle-Inclán toda una estética impresionista dirixida contra a máis negra España. O que nos leva ao Cabaleiro dos Espellos: personaxe de ficción, dentro da ficción de Cervantes, que intentou salvar Don Quixote da loucura. O espello memorábel do pasado fabuloso de Galicia é o que prestaba os seus servizos no alto da Torre que foi chamada de Orosio, de Brigantia, de Breogán, de Trezenzonio, e que aínda está en pé na Coruña. Neste espello soía espellarse a illa do Outro Mundo ou sexa Irlanda.

Compartir el artículo

stats