Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Espeluncas e misterios da cidade en que vivo

Diciamos que Vigo non ten no seu sochán catacumbas antigas coma as de Roma ou esoutros terroríficos depósitos de osos humáns cuxas galerías poden ser visitadas en París. Pensamos tamén nos esqueletes á vista nos osarios da Venerábel Orde Terceira sobre o Douro, no Porto. Vigo carece, igualmente, de cloacas, o que a converte nunha urbe na cal non puideron ser soñadas películas coma a do “Terceiro Home” ou a fantasía das tartarugas ninja que habitan estratos inferiores de Nova York nos que os neofolkloristas documentan oralmente presenza de crocodilos cegos e abrancazados. Anonymous nunca tería acubillo baixo as rúas de Vigo.

Belén Feliú, escritora galega morta na súa primeira lucidez, deunos un conto maxistral ambientado nas cloacas árabes que realmente subsisten operativas no Madrid de hoxe. Parece que, co florecemento de Vigo como cidade literaria, medra un desexo colectivo de contar con espazos misteriosos so o pavé urbano. Unhas veces confóndense furados ocasionados pola extración de pedramol para as cociñas de antano con pasadizos secretos dos castelos da praza. Outras, espertan a imaxinación vellas minas de auga coma a que alimentaba a fonte da Falperra. O túnel do antigo ramal do tren do porto comercial (fóra de servizo) acende a imaxinación da mocedade curiosa igual que antano estimulaba a de Narda Miguez, que xa non está connosco. Unha placa municipal avisa dun lugar chamado “Caños” por onda a rúa de Darío Álvarez Blázquez, e incita á fantasía, fundada en achádegos reais dun conducto esquecido baixo a Porta do Sol. A enorme boca (cegada) sobre o canellón sen saída da rúa da Victoria, métenos respecto e suxírenos que algo grande e segredo conduciu desde alí a concavidades do subsolo de Vigo cuxas dimensións e utilidade foxen ao noso coñecimento. Iso si: a porta clausurada coa que fechamos o presente texto tráenos á memoria a novela de Johan Rodríguez do Padrón que, no século XV, mesturou brutalidade e erotismo en cavernas e espeluncas da Terra de Iria.

Compartir el artículo

stats