Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O Corredor de Wakan no Grande Xogo

Vexo as dereitas que se postulan coma demócratas moi alteradas co islamismo de Afghanistan. E non podo evitar que me asalten as lembranzas de Kim, o protagonista da novela do mesmo nome que Rudyard Kipling publicara en 1901. Nela fálase moito do “Grande Xogo”. Chámalle Kipling Grande Xogo ao dos servizos de intelixencia británicos e o seu labor incesante destinado a dividir as poboacións do norte da Península Indostánica, sempre en beneficio do Imperio.

Tomemos o Grande Xogo en Afghanistan no intre crítico no que o rei pasmarote daquel país fora deposto (1973, coido) por unha conxunción de esquerda republicana e neutralista que axiña foi clasificada de comunista por Occidente no Grande Xogo planetario da guerra fría. Instalouse entón no poder o Partido Popular Democrático que tentou mudanzas fondas e fixo boas migas coa URSS. Houbo rebeldía de cregos e seminaristas (“taliban”) apoiada pola CIA e outras axencias occidentais. Chamadas polo goberno laicista do PPDA, acudiron tropas soviéticas a Afghanistan que foron hostigadas por unha axitación étnica e tribal cuxo cimento de unión era relixioso. Finalmente, os rebeldes prevaleceron.

Nos capítulos seguintes desta historia interminábel, os EEUU e os seus dependentes, entre os cales España, instalaron en Afghanistan militarmente un goberno Barriga Verde. Abreviando, hoxe en Kabul mandan eses crentes máis estrictos que misteriosamente son chamados “taliban” o que parez que signifique “estudante coránico” ou “seminarista mahometano”. Non, os EEUU non acaban de ser derrotados. Máis ben, ao noso xeito de ver estaríamos perante un repregue político en función de novos horizontes estratéxicos.

Xa non son secretas as conexións entre os yihaddismos transnacionais, Arabia Saudí, Israel e os EEUU. Dá a sensación de que estes últimos teñen marcado como obxectivo prioritario a demolición da República Popular Chinesa. Fracasara Washington nos seus intentos insurreccionais de Hong Kong e xa parece resignado a non poder facer do Tibet un Vietnam á inversa. Agora, o Grande Xogo norteamericano parece centrar no secesionismo muslime da provincia de Sinkiang todo o seu esforzo. Trátase de orientar a furia antibudista dos musulmáns do vello Turkestán chinés contra o comunismo. Norteamérica facilitaría a reocupación do poder de Afghanistan polos islamistas co fin de estes contribuíren a sublevar os seus correlixionarios de Sinkiang.

Entre Afghanistan e Sinkiang existe un “corridor” ou paso chamado Wakan, moi estreito. Por el circularán, probablemente, fluxos económicos, doctrinais, militares, humanos, destinados a fomentar unha insurrección relixiosa que enfeblecería China. Das Termópilas a Danzig, pasando por Roncesvales, a Historia e a lenda rexistran episodios bélicos cuxos escenarios foron pasos coma este de Wakan que agora ocupa o primeiro plano da actualidade política global.

Compartir el artículo

stats