Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Unha antoloxía tallante

Poucas veces reflexionamos sobre o carácter fragmentario da nosa cultura que nos foi transmitida mediante unha rigorosa selección que soamente conservaba as obras que merecían a pena ser conservadas según as preferencias e criterios de cada época. Desafortunadamente foron moitos os textos escritos en taboíñas que non pasaron ao papiro; nin todos os volumes de papiro foron vertidos aos códices que os suplantaron e non todos estes terminaron na imprenta antes de desaparecer debido ás guerras, incendios ou censuras da barbarie cultural. Da maior parte destes textos da antigüidade clásica desaparecidos temos noticia a través de recuperacións fragmentadas mediante citas indirectas doutros autores e mediante as copias reconstruídas polos grandes humanistas que as perseguían como modelo necesario.

As palabras latinas excerpta (extractos), fragmenta (fragmentos), aurea dicta (frases áureas), analectas (florilexio), proverbia (proverbios, sentencias) ou extracta (resumos) acreditan o esforzo de restauración e busca que se realizou no século IX con Focio, tres séculos máis tarde coa Escola de Tradutores de Toledo ou durante o período do Renacemento onde a recuperación fragmentaria do pasado e a admiración das reliquias librescas conservadas deron lugar ao soño da integridade perdida impulsada polo gran editor Aldo Manuzio.

Foron responsables directas da transmisión da experiencia e saberes da humanidade que se presentan nas súas páxinas

decoration

Nesta mesma liña testemuñal están as nosas palabras escolla, escolma, florilexio, selección, colectánea, compilación, crestomatía, miscelánea ou antoloxía que como pertencentes ao mesmo campo campo semántico comparten o significado básico de escolla, de selección textual pero que os usos e frecuencias foron establecendo entre elas pequenas diferencias e matices cos que hoxe se presentan.

Cumpre destacar que no seu conxunto estas palabras asumiron unha responsabilidade social de gran importancia: foron responsables directas da transmisión da experiencia e saberes da humanidade que se presentan nas súas páxinas como unha especie de río incesante que fertiliza todos os campos que atravesa. De todas estas palabras foi “antoloxía” a que máis ampliou os seus horizontes significativos ata o punto que invadiu o campo das restantes. De calquera xeito todas son testemuño da tendencia tradicional a presentar a cultura fragmentariamente, o que non deixa de ser unha forma de personalizala e adaptala aos nosos gustos e preferencias apoiándonos en textos do pasado autorizando deste xeito como aurea dicta a frase de Montaigne: “Non facemos outra cousa que glosármonos uns aos outros”, aludindo así ao constante refacer que provocan as interpretacións das interpretacións.

Intentamos esta mesma singularización e glosa da cultura cando subliñamos un texto durante a lectura: a raia do lapis degrada, mancha o papel da páxina intonsa e limpa para apropiármonos, como lectores, do seu contido. Probablemente sexa tamén este hábito do subliñado, amais de glosa, unha marca de propiedade do libro máis inequívoca, máis rotunda que a que establecen os exlibris. Seleccionando tamén nos defendemos dunha oferta cultural tan excesiva e desmesurada como banal e insustancial.

Pero nada semellante á noticia que nos dá Antoine Compagnon (‘La seconde main ou le travail de la citation’, 1979) da máis persoal escolma de todos os tempos. O caso dun gardamontes francés, lector empedernido que, según propia confesión, se encerraba no seu cuarto e, tesoiras na man, cortaba todo texto que non fose do seu gusto. De certos libros quedaron menos de dez páxinas, de Baudelaire douscentos versos, algún menos de Víctor Hugo, apenas un capítulo da monumental novela de Proust, de madame de Sevigné soamente as cartas sobre o proceso de Fouquet. Nas relecturas é de supor que seguía cortando todo o que lle sobraba e non era do seu gusto. Sen dúbida, unha antoloxía tallante!

*Numerario da Real Academia Galega

Compartir el artículo

stats