Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nomes turbadores dos viños de nosoutros

Dime Anxo Angueira que, en Austria, existe unha institución que pode ser identificada con eses furanchos dos que temos tratado aquí. Velaí os Heurigen, que nas zonas xermanófonas de vide, mesmo no rodopío de Viena, son adegas que expenden ao por miúdo viño da colleita propia. Alí, no pasado próximo, os siareiros podían aportar a súa propia comida.

Supoñemos que, os furanchos dos países vitivinícolas de lingua alemá, entre os cales incluímos esa Alsacia cuxas raíces xermanas son moi malas de arrincare, deben de lle dar de beber, ao sedento, monovarietal branco da caste Riesling. Este é o intre no que a nosa divagación nos leva a ensoñar estorias ligadas aos nomes novelescos e misteriosos das castes de uva galega que van gozando de crecente recoñecemento tras de épocas escuras nas que recibiron a sombra do auto odio colonial.

A recuperación das nosas uvas autóctonas comezou pola de albariño. “Miña parra de albariñas uvas”–que cantara Rosalía–. Primeiro escenario do rexurdimento do albariño foi Cambados e, portavoz deste, o FARO DE VIGO coa dirección de Leal Insua, tendo próceres coma Zárate ou Quintanilla como inductores. Á vista do lanzamento ao mundo do novo albariño, parece principal a figura de Álvaro Cunqueiro asistido da flor da cultura literaria de expresión galega.

Á vista do lanzamento ao mundo do novo albariño, parece principal a figura de Álvaro Cunqueiro

decoration

Chegados a este intre, podemos recitar os nomes das castes propias transmutadas nunha sorte de visión onírica. Así, o rei Albariño pasa, seguido do seus xograres Godello (no Douro, Gouveio), Caíño e Collón de Galo. A paso de danza prima veñen as donas do tempo pasado que evocara Villon, anosara Cunqueiro, e puxera en música Brassens. Elas son Treixadura (Tareixa Dura, en manuscritos de Sarmiento), Moza Fresca, María Ordoña e Dona Branca. Do cortexo arrédase Mencía, a da cara morena, porque ela vai facer parte do reinado restaurado dos tintos de Galicia cuxa coroa, no pasado, levara na testa Brencellao, o cal regresa, na visión, seguido do famoso senescal Espadeiro (ou Ferrol), fillo de Sousón o Nobre.

Moitos dos nomes citados, e outros, poden ser pronunciados en clave poética e viven en uvas que maduran en partes trasmontanas e miñotas de Portugal, o cal certifica a súa antigüidade e non permite que deamos ao esquecemento o constante reclamo da unidade orixinal de Gallaecia na que insiste, por exemplo, Alexandre Herculano.

Compartir el artículo

stats