Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Curros no Vaticano

“Tercetos de fuego”, chamoulles Otero Pedrayo ás tríadas octosilábicas coas que Manuel Curros Enríquez compuxo o poema titulado O Divino Sainete. Otero, seica, consideraba esta obra coma “un irmauciño”, xa que saiu á rúa no mesmo ano no que el veu ao mundo; ou sexa en 1888. Como todo texto literario, foi escrito no ronsel doutros textos precedentes. Curros permite que dous modelos anteriores poidan ser detectados no Sainete polo atento lector. Un, a Comedia –aclamada universalmente como Divina – do Dante (1307?-1321?). Outra, o poema Le Pape, que Victor Hugo deu á luz en 1878. No Divino Sainete, Curros descobre o seu interior cristián, laicista, republicán, adoptando un eficacísimo énfase satírico.

Ao parodiar a Comedia, Curros preséntase a el mesmo coma peregrino a Roma, nos días de León XIII, guiado, xa non por Virxilio senón por un vate nacional galego: Francisco Añón. A sombra da condena severa das peregrinacións que lanzara Lutero ao orbe cobre todo o poema. Os peregrinos parten cara Roma no Tren dos Sete Pecados Capitais, cuxos vagóns Curros e Añón van visitando para ledicia dos seus lectores. Na sátira destaca o escarnio que se fai dunha Emilia Pardo Bazán moi belixerante contra todo o que Curros respectaba e amaba. Naturalmente, Curros instalou Emilia no vagón da Envexa.

"No Divino Sainete, Curros descobre o seu interior cristián, laicista, republicán, adoptando un eficacísimo énfase satírico"

decoration

Xa en Roma, o Papa convidou os viaxeiros galegos a xantar ou cear no seu pazo. Todos tres trasfegan boas xerras de viño de Falerno. Animadísimo, León promételle aos visitantes que vai facer que a Igrexa se converta á pobreza evanxélica. Añón, escéptico, coméntalle a Curros que “nunca se cumpren os programas liberais”. Neste punto, notamos a presencia de Le Pape de Hugo no Sainete de Curros. No poema francés, o pontífice, tamén León XIII, ten un soño no que o autor representa unha volta ao espírito pobreza dos cristiáns primitivos. “Vaia mal soño que tiven esta noite” , dise a si mesmo o León de Hugo ao acordar.

Non se debe esquecer que Curros, no Sainete, revélase como poeta radical e innovador. Prorrompe en imaxinería que adianta o expresionismo valleinclanesco ou a animación lorquiana e amadocarballista da natureza, así como tamén o surrealismo. Curros administra, en tres tempos e de xeito sorpresivo, doses de veleno alternadas con ilusión utópica e afectiva. Trátase dunha sátira impiedosa, hilarante, contra a perpetuación do confesionalismo católico. Escribo eu esta evocación d`O Divino Sainete porque o actual goberno de Madrid está a facernos acordantes dunha revisión do concordato co Vaticano.

Compartir el artículo

stats