Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Palabras sen fe de vida

Hoxe pola mañá cedo cando camiñaba entre Setefogas e a praia da Torre en Taragoña, na desembocadura do río Te, tiven que rescatar un vello chuvasqueiro para protexerme da teimuda meluria que me perseguía. A meluria, esa persistente humidade bretemosa que non chega a chuvia pero que incomoda os traballos do mar, é palabra que non figura nos dicionarios galegos. Dixen ben é unha palabra porque existe, porque a usa a xente pero carece de fe de vida, de certificado oficial, non está bautizada. Nestes casos e noutros moitos semellantes, o problema non é da palabra, é dos lexicógrafos encargados de incorporala. Pensar que son os dicionarios os que determinan a existencia das palabras é como crer que o sol existe grazas ao parte meteorolóxico.

Durante anos foi secretario do xuzgado de Rianxo e, como tal, encargado de asentar as partidas de nacemento don Manolo Paz. Adoitaba tomar nota moitas veces nos bares nun papeliño que non sempre chegaba ao xuzgado. Non hai moito tempo un emigrante en Arxentina chegou ao xuzgado na procura dunha partida de nacemento e, como damnificado do devandito secretario, non había constancia da súa existencia como persoa nacida en Rianxo (Santa Columba de). Pero levaba vivindo 88 anos. Da mesma maneira levan vivindo na fala dos rianxeiros e no colo dos textos literarios a meluria, a pademia, as melfas, os atiaxados, ou o escarpe, esa fermosa palabra que designa a peza mestra que une a quilla coa proa dun barco, todas elas sen partida de nacemento, sen fe de vida.

Estas circunstancias deberían facernos reflexionar sobre o papel dos lingüistas a respecto da lingua. Temos dito en numerosas ocasións que a lingua dun país non é cousa exclusiva dos lingüistas senón máis ben responsabilidade colectiva dos falantes, que case nunca se equivocan. Temos que convencernos de que as palabras que nos serven para comunicar as nosas ideas e para entender o mundo e os sentimientos máis íntimos non necesitan do bautismo académico dos dicionarios. Porque teñen de seu o frescor ventureiro da mañá que nos aloumiña.

A dependencia do dicionario para atestiguar a existencia de palabras é unha deformación que procede do mito da ciencia universitaria e académica que mesmo nos induce en ocasións ao menosprezo da cultura popular. Este estereotipo lévanos á consideración da nosa propia lingua como algo que temos que adquirir fóra de nós, no mercado da sabiduría universitaria, que non posuímos ata que nos outorguen un título de capacidade cando en realidade os verdadeiros creadores de palabras somos os falantes. Contribúe a esta deformación a admisión no dicionario académico de palabras como weltanschauung [sic] co significado de “xeito de concibir o mundo e a vida”. Semella unha andrómena pero está no dicionario, é unha palabra bautizada pero non existe. Se ao propoñente do bautismo desta voz queremos agradecerlle algo, invitémolo a xantar pero non lle deamos polvoróns a quen ten sede.

Con razón diante destas idiocias, Pichín, un mariñeiro de Rianxo de mediana idade, cando nos ve xuntos ao Angueira e a min adoita advertirnos en ton ameazante: “O que estades a facer!!! … xa non nos imos entender uns a outros!!!”

Seguindo neste vieiro de despropósitos, acabo de descubrir que non son nacido en Asados (Rianxo), según o nomenclátor de Galicia nacín en Santa María de Asados onde a bendición e influxo eclesiástico cobra vida propia. Esta cristianización oficial agrádame especialmente porque reflicte as antigas loitas ideolóxicas da alta idade media onde os santos eran presentados como protectores dos oprimidos e convertíanse en verdadeiros héroes locais, o que explica a loita por facerse cos seus restos milagreiros. Afortunadamente a nosa actual cultura popular sabe diferenciar a realidade da superstición como cando un señor dunha parroquia de Cambados lle di ao meu amigo Luciano Amoedo, gran enólogo por certo: “Dirá vostede, Vilariño, porque San Andrés é do cura”. Eu tamén, son de Asados, Santa María é do cura, que por certo non hai.

*Numerario da Real Academia Galega

Compartir el artículo

stats