Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Chambo

O mercado de obxectos usados de París recibe o nome de Marché aux Puces (ou “das Pulgas”), o cal, a pesar do seu pintoresco carácter, non deixou moita pegada na narrativa folletinesca do século XIX. Debido ao prestixio de París, zonas doutras cidades francófonas, como é o caso de Xenebra, dedicadas ao comercio de cousas vellos, son tamén coñecidas coma Marché aux Puces.

Se imos a Madrid, poderemos visitar o chamado El Rastro, zona indefinida pero nunca lonxe da Plaza de Cascorro e da Ribera de Curtidores. Alí ofrécense toda clase de produtos usados e refugados: desde o valiosísimo ao insignificante. E ben, nos pasados cincuenta ou sesenta anos foi extendéndose por todo ou case todo o territorio español o nome de Rastro, e do seu diminutivo Rastrillo, para designar a actividade mercantil que comentamos. Segundo din, penso que en plano fabuloso, naquela zona de Madrid houbo en tempos un matadoiro. O gado morto, ao ser transportado, deixaba un “rastro” de sangue polas rúas. De aí viría o nome.

A fronteira entre o chambo e a tenda de antigüidades é sotil e, ás veces, só se apreza nas maneiras de presentar o produto

decoration

O certo é que, desde Madrid, a palabra irradiou a outrén. En Galicia estes “rastro” e “rastrillo” están facendo esquencer a nosa palabra propia, que é chambo, de etimoloxía problemática. Ate os anos cincuenta do século XX, as cousas funcionaron do seguinte xeito en Vigo. Existía o gremio, case exclusivamente feminino, das chambonas. Cando a feira oficial da cidade se celebraba no Campo de Granada, as chambonas levaban o seu chambo a unha zona que lles estaba reservada. Despois, durante todo o ano, estas comerciantas tiñan tendas de chambo na Rúa do Pracer, nas cales se dedicaban regularmente ao seu negocio.

En canto a Ourense, os días de feira os chambós, de preferencia homes, levaban a súa oferta á Praza da Trindade (e algo á dos Zapatos) e, o resto do mes, facían o seu chambo en comercios estabeis dalgúns dos cales eu oín falar moi ben, como é o caso do de Bóveda, na Barreira, ou o do señor Manuel non lonxe da Rúa do Padre Feixóo. Este Manuel tamén era, segundo as bocas marmuradoras de Auria, afamado espiritista que mesmo citaba a Allan Kardec.

En todo caso, a fronteira entre o chambo e a tenda de antigüidades é sotil e, ás veces, só se apreza nas maneiras de presentar o produto. Dos libreiros de vello, chamados en Portugal “alfarrabistas”, un dos cales se fixera famoso por lle vender a vida de don Quixote ao mesmo Cervantes, trataremos noutra oportunidade. Hoxe denunciemos, nesta columna, que a palabra galega “chambo” non soe ter entrada nos nosos dicionarios e que o “rastro” invasor amosa o fuciño por todas partes.

Compartir el artículo

stats