Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unión feminina ao poder

“Ritos de amor y guerra” é unha peza que destaca pola forza da súa mensaxe e por un grupo de mulleres fortes e valentes en escena

Comando Señoras chegou á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para revolucionar a vila e facer un chamamento á unión feminina para rachar cos valores e comportamentos rancios do patriarcado. Os que nos fan de menos, nos invisibilizan, nos agriden e mesmo nos matan. Nunha sociedade en que os medios e a ficción non atenden a todo o espectro de mulleres e xeran unha imaxe desvirtuada, Comando Señoras busca romper cos canons e crear novos referentes.

Para iso percorreron o xoves as rúas do casco vello e desenvolveron unha pequena acción performativa na Praza da Constitución e presentaron o venres no auditorio municipal Ritos de amor y guerra, unha acción performativa expandida.

O colectivo, dirixido por Alicia Reyero, está formado por unha vintena de mulleres de diferentes idades. Nesta proposta abordan sen reparos os medos, tópicos, agresións... ás que nos enfrontamos as mulleres a diario. Mediante o uso do coro e a forza da unión a través da fisicidade dos seus corpos, repiten mensaxes con diferentes variacións que xeran un mantra que quere apoderarnos e desprazar aqueles que escoitamos dende nenas, mesmo nos xogos infantís.

As señoras somos todas: nenas, mulleres adultas, anciás; nais, fillas, avoas, netas...; de todas as idades e cores. E estamos cansas do mito do amor romántico, de príncipes azuis e de ser tachadas de histéricas e de tolas.

As actrices xeran coreografías cos elementos do imaxinario común do vestiario das señoras; lembran as mulleres agredidas e asasinadas; bailan, xiran, fan un aquelarre arredor dunha pira de zapatos de tacón; animalízanse... E volven recobrar a compostura, como o que aínda se espera que deben facer as boas señoras, pero cando e como elas queren. Ritos de amor y guerra é unha peza performativa que destaca pola forza da súa mensaxe e a da presenza dese grupo de mulleres fortes e valentes en escena, e que abre moitas máis posibilidades de desenvolvemento da dramaturxia, alén da acción e a súa potencia.

Cara ao final da peza, as actrices faláronnos en galego ás mulleres asistentes para pedirnos que nos unísemos e para lembrarnos que non estamos soas; e ao remate a directora e actriz Alicia Reyero dirixiuse ao público para facer un chamamento ao amor e dedicar a función a todas as mulleres, para que non teñamos que ser asasinadas para ser nomeadas; así como ao amor libre, e tamén, en especial, a Samuel Luiz.

Compartir el artículo

stats