Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Rúa Ecuador con tigre en Vigo

A Julio Alonso e Elena Lorenzo

Gulapeei ribeiro e croques arreglados na de Pereira, tasca memorábel na esquina Fisterra con Ecuador, Vigo. Había, atado a unha árbore onda a porta do Pereira, un tigre en estado cachorro que os siareiros da taberna agarimaban. Reférese a el Xosé G. Barral Sánchez, nun libro impregnado de graza e de saudade: Por catro perras. Guía de tascas e tabernas de Vigo, Cardeñoso, Vigo, 2007. Barral, escribindo de tascas, faino da intrahistoria da cidade. Coido que a máis antiga das que evoca Barral é o Mesón Arbo, de Freixeiro, que leva inscrito na porta o ano da II Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán da Revolución Francesa.

En todo caso esta cría de tigre fíxome lembrar outros animais nas tabernas de Vigo. Deixemos fora os loros, incluído aquel, máis ben silente, da de Elixio. Esquenzamos corvos paroleiros que sentín crocitar verbas galegófonas por Sampaio ou Santa Cristina de Lavadores. No Berbés abría as portas, cun degrau treidor para bichicomas bébedos, a taberna Si Podo. Nesta tasca penduraban das paredes enormes arañas de mar e serpes tamén marítimas en estado de momificación. Por San Francisco arriba, no ámbito da rúa Llorente, estaba o bar Mascato. A miña feble memoria non consegue lembrar certo se alí reinaba un mascato disecado ou un mascato vivo. Vivo, coma a gavota que, na praza Chao, alimentaban os siareiros dunha alegre taberna con doses de chincho fritido. Desapareceu a taxidermia e triunfa o animalismo, polo cal lle corresponde a esta época eliminar das tabernas a presenza de animais vivos e mortos.

"Desapareceu a taxidermia e triunfa o animalismo, polo cal lle corresponde a esta época eliminar das tabernas a presenza de animais vivos e mortos"

decoration

Na espectacular estación do tranvía chamada Florida, eu lembro un zoolóxico, creado e coidado pola Compañía de Tranvías, no que se incluían aves mil, macacos e un señor lobo na súa cova artificiosamente montesa. Na Florida houbo un restaurante, non taberna, promocionado mesmo por aquel Urbano Lugrís que ben coñecía o Si podo e pintou o Cuarto do Capitán. Comecei esta bagatela cun tigre na rúa Ecuador e remato con nostalxia acordándome do triste lobo da Florida. Naqueles tempos, o xardín zoolóxico máis próximo aos vigueses era o de Lisboa e, o actual da Madroa, non fora nin pensado.

Compartir el artículo

stats