Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

José Antonio nunca máis

No Madrid dos meus días xuvenís usei un mundo a entrada de metro cuxo nome oficial era José Antonio. Diferenciábase esta das outras bocas do subterráneo en varios aspectos. Situada no lombo da Gran Vía, antes da súa esfragadura final sobre Alcalá, a boca José Antonio nunca foi chamada de tal xeito pola maioranza dos bons madrileños. O pobo de Madrid dicíalle, unánime, Red de San Luis.

Aclimatámonos culturalmente en Madrid, os procedentes de territorios provincializados, aprendendo que aquela entrada de metro non se chamaba realmente José Antonio senón Red de San Luis. Esta era a única estación do metro de Madrid que, daquela, dispuña dun ascensor. Fun instruído por Ben-Cho-Shey cun dato de relevancia: tal boca do metro fora proxectada polo arquitecto galego Antonio Palacios Ramilo. Tal edículo irradiaba unha personalidade artística inconfundíbel.

Cada vez que eu me retiraba, vía metro, ao meu cuarto da Calle de Infantas, íaseme o pensamento a Palacios e á súa obra madrileña e galega. O tramo final da Calle de Alcalá, o Palacio de Comunicaciones que hoxe é Casa Consistorial de Madrid, co escudo de Galicia infiltrado ilegalmente no centro do de España, o espectacular Círculo de las Artes e moitas outras obras que definen Madrid saíron do obradoiro do arquitecto galego Palacios, próximo ao nacionalismo de Cabanillas.

"O espectacular Círculo de las Artes e moitas outras obras que definen Madrid saíron do obradoiro do arquitecto galego Palacios, próximo ao nacionalismo de Cabanillas"

decoration

Mais o Palacios fantástico, pétreo, wagneriano está aquí entre nós. Un día, Madrid decidiu desfacerse da estación da Red de San Luis, aquela que ninguén quixo chamarlle de José Antonio. Trasladouse o templete ao Porriño, patria orixinal de Palacios. Leo agora, neste mesmo xornal, que Madrid quer reconstruír a estación do metro perdida. O Porriño parece que lle manda unha copia á Corte, e fai ben en non lle devolver o orixinal.

Acolá, na Red de San Luis, farán moi ben en reconstruír a viseira de cristal e fundición que eu non cheguei a ver naquela entrada do metro. Eu sempre me recordo a min mesmo na boca da Red de San Luis saíndo á superficie nunha atmosfera na que o vento frío do Guadarrama dispersaba os cheiros do terríbel incendio de Saldos Arias.

Compartir el artículo

stats