Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmela Silva

Sen rostro, sen nome

A sociedade ten que desaprender. Todas e todos temos que desaprender comportamentos, linguaxes, negación das violencias, manipulacións sobre a nosa posición no mundo, falacias sobre a suposta liberdade de elección das mulleres, ou a normalización da cousificación dos nosos corpos. É o único camiño que vale se as mulleres queremos ser protagonistas da transformación do mundo, do cambio de paradigma. Neste 8M volvemos a berrar que a loita do feminismo ten que ser o centro.

Moitos dos estereotipos existentes teñen a súa causa nas imaxes que proxectamos das mulleres. “Vale máis unha imaxe que mil palabras” ¿Cantas veces o escoitamos?. A forza da imaxe, repetida unha e mil veces nas nosas retinas. A imaxe cousificada dos corpos das mulleres, normalizada, na que aparecemos pasivas, belas, irreais, sumisas, vencelladas á maternidade e ao coidado, dispoñibles para eles e sempre nunha posición secundaria. Unha cultura visual que, como reflicte Yolanda Domínguez, artista visual e experta en comunicación e xénero, “nos ensina que as mulleres somos obxectos, trozos de carne e non temos dimensión humana”. “Hai que cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, di ela.

“Non temos dimensión humana”. Diso se trata. A cousificación deshumaniza, utiliza a imaxe da muller como suxeito sempre pasivo, a mostra como obxecto que non pensa, que pode ser usado, exposto, violentado, unha forma máis de violencia machista pero normalizada por milleiros de imaxes, mensaxes que se instalan no subconsciente da sociedade, e que atopamos en todas partes: letras de cancións, películas, xornais deportivos, campañas, ofertas de traballo, xoguetes, disfraces ou anuncios. Anuncios degradantes nos que as mulleres non dirixen, non toman decisións, non son referentes. Só mostran, case sempre o seu corpo, moitas veces sen rostro, e sen nome, porque iso non importa, non vende. Todo tan normalizado, tan interiorizado, tan aceptado. ¿Non é violencia?

“Soamente temos a versión masculina do que son as mulleres e seguímolo copiando”, reflicte Domínguez. Temos un problema, unha cultura incompleta creada desde a perspectiva masculina. As imaxes non soamente fan sentir, tamén xeran patróns de conduta. Son referentes baseados en algo irreal. Un estudo feito en 2007 revelou que as imaxes que relacionan directamente o éxito da muller cos seus atributos físicos e anulan calquera outro valor influencian con forza nas nenas desde os 4 anos. Pero hai máis datos que arrepían. Segundo un informe da Universidade Complutense en 2 de cada 10 videoxogos comercializados en España aparece na cuberta unha muller co rol de obxecto sexual. E non parece pasar nada cando, como di Ángeles Moreno, para a neurociencia a percepción visual estimula a maior cantidade da nosa actividade neuronal. O bombardeo de contidos que comunican o estereotipo corporal feminino provoca que, dende moi nenas, asumamos este imaxinario como a aparencia natural a conseguir.

Neste 8M fagamos un chamamento a rachar coa imaxe cousificada dos corpos das mulleres en pleno século XXI, un século tan avanzado, tecnoloxizado, pero no que estamos a sufrir as mesmas cousificacións, ou incluso peores, que noutros séculos, con discursos que críamos que non eran posible que volveran estar enriba da mesa. Non consintamos a ausencia atronadora de imaxes de mulleres fortes, importantes, dirixentes, referentes, o seu escaso protagonismo nos debates, nas noticias. Existen, moitas, pero non están.

A escritora Laura Freixas sinala que “se a cultura segue transmitindo uns contidos que perpetúan e lexitiman o machismo, as nosas actitudes seguirán sendo machistas inconscientemente”. Polo tanto, desaprendamos unha normalización indecente. Non poden volver debates xa superados, nin pasos atrás en dereitos conquistados. Freemos o ruído. Son os principios da axenda feminista os que están a mellorar a historia da humanidade e os que nos van permitir mellorar o mundo e os proxectos de vida de mulleres e homes. A igualdade no centro do discurso. Sempre.

*Presidenta da Deputación de Pontevedra

Compartir el artículo

stats