A comezos deste ano volviamos ver como as peaxes da AP-9 incrementaban o seu prezo en case 1%, unha suba que se ven repetindo nos últimos anos, froito dos acordos entre Audasa e o estado español.

Falamos dunha autoestrada que vertebra grande parte do noso país, unha infraestrutura fundamental no transporte de persoas e mercadorías no eixo atlántico que comunica 5 das 7 cidades galegas.

Actualmente, percorrer a AP-9 dunha punta a outra supón máis de 22 euros para un turismo e preto de 100 euros para os vehículos de transporte pesados, nunha autoestrada que en 2019 acadaba uns ingresos históricos de preto de 3.100 millóns de euros mentres que o custe de construción e mantemento da autoestrada, supuxo preto de 1.500 millón de euros para a empresa.

Estamos a falar da autoestrada na que máis se sube o prezo ano a ano en todo o Estado. Unha das poucas que aínda manteñen concesións de 75 anos. Estas concesións foron feitas por distintos gobernos do estado español, tanto do PSOE, con Josep Borrell, como do PP, con José María Aznar e Mariano Rajoy, con adxudicación directa á empresa AUDASA e sen que os novos investimentos da empresa xustifiquen nin a subida do 1% anual, durante 20 anos no prezo das peaxes, nin o alongamento da concesión até o ano 2043.

No ano 2019, o goberno do estado cubriu con cargo aos orzamentos, as obras de ampliación da ponte do Centenario en Sevilla, vinculada á A-4, por valor de 102 millóns de euros, sen embargo a ampliación da ponte de Rande fíxose subindo as peaxes en toda a autoestrada. Unha nova mostra de desleixo e discriminación cara o pobo galego.

Non temos xa máis que pagada unha autoestrada que cada ano aumenta o prezo das peaxes?

Non podemos entender como os diferentes gobernos centrais permiten un roubo as usuarias e usuarios como o que se produce con esta infraestrutura. Un roubo, un espolio e unha aldraxe que levamos moitos anos soportando.

É por isto que o BNG leva moitos anos loitando, por unha AP-9 galega e sen peaxes. Mostra diso son as numerosas iniciativas e mobilización realizadas nos últimos anos e todo o traballo social e institucional para conseguir librar ao noso país deste espolio, deste roubo.

A nosa comarca sabe ben o que é loitar contra AUDASA e as peaxes, e tamén sabemos que a mobilización e a loita polo que é xusto dá os seus froitos, como no caso da eliminación da peaxe da ponte de Rande.

Nese sentido, o acordo de investidura entre o BNG e o PSOE, deixaba moi claro cales eran os puntos mínimos a cumprir sobre a cuestión da AP-9: a conxelación da suba anual, aprobar a transferencia da AP-9 a Galiza e unha bonificación do 100% das peaxes para usuarios recorrentes, tanto privados como profesionais, todos os días da semana.

Que fixo o goberno de Pedro Sanchez para cumprir o acordo de investidura co BNG? Cumprir cos fondos de inversións estranxeiros que son os actuais propietarios da concesionaria: Comezar o ano e que a cidadanía galega nos atopemos cunha nova suba no prezo das peaxes”, incumprindo o pactado.

Os acordos son para darlles cumprimento, e non facelo só sirve para continuar coa aldraxe cara o pobo galego.

*Deputado moañés do BNG