Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Lerrouxismo ou Esquerra 

Esquerra Republicana de Catalunya está destinada a gobernar, en coalición, a Generalitat. Na II República española, os canóns emprazados polo xeneral Batet contra a Generalitat que presidía Lluis Companys, desataron o escándalo no mundo. Democrático. O partido que vai hexemonizar o próximo goberno e parlamento de Catalunya acumula un universo de lexitimidades históricas que o converte hoxe en único. Alén de ser un dos partidos máis antigos do Estado Español, pois foi fundado en 1931 canda o noso infortunado Partido Galeguista, entre os seus impulsores achábase Francesc Macià, quen proclamara o Estat Català dentro da República Federal Ibérica. Na experiencia de ERC non falta o martirio de militantes e líderes. Detido polo exército nazi, o presidente Companys foi entregado á policía de Franco.

Nun consello de guerra que durou o que o arroto dun abade neotridentino ben mantido, caeulle a Companys a pena de morte. Fusilárono en 1940 e nun foxo do castelo de Montjuïc. Companys defendera, desde o nacionalismo de esquerda, a República Española durante tres anos de guerra. ERC tivo vida no exilio; menos na Resistencia do interior. Na Reforma ou Transición, ERC obtivo modestos resultados elctorais. Logo renaceu cun Carod Rovira, que falaba galego con seguridade, e co concurso doutros e doutras. ERC asumiu a paixón pancatalana que o PSAN fixera reverdecer. E foi incubando un independentismo antiimperialista que habería de esnafrar o idealismo europeísta do catalanismo mol. O partido, así anovado, transmitiu confianza aos emigrantes que en Cataluña procedían do Estado Español. E os fillos destes, que falaban catalán nun poema que Gil de Biedma escribira en español, entraron con normalidade a esta nova ERC. Hoxe o afiche anunciador desta integración está a ser es Gabriel Rufián de lingua de subela. Se ERC amosou timidez na Resistencia e foi acompañante de Pujol na Transición, no deterioro en curso do réxime borbónico, acaba de ocupar unha posición dirixente. Finalmente, ERC ten o seu máximo representante en prisión xunto con outros e outras independentistas. Esta situación estase prolongando; tanto que este caso xa fixo falar a Serguei Lavrov tan parco en verba coma fora Gromiko. Dado que Oriol Junqueras está na cadea e que Aragonès vai ocupar o cargo que desempeñaran Macià e Companys, vexamos partidos chamados a acompañar no goberno a ERC: JxCat; CUP, e En Comú Podem. Miro eu os de Podem tentados hoxe pola falacia falsamente radical do primeiro Lerroux. Lonxe de Cataluña, estamos atentos aos acontecementos todos aqueles e aquelas que nos sentimos no nonsel da Galeuzca.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.