Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Escrito nas pedras

Permaneceron ignorados dos sabios e non formaron parte do noso discurso celtista nacionalitario. Pondal non soubo deles. Son os gravados rupestres de Galicia, ou sexa, os petroglifos, que tenden hogano a seren tonificados coma petróglifos. Apareceu Ramón Sobrino Buhígas (1888-1946), científico naturalista, e reparou no prodixio silenciado. Laxes e penedos do Baño, do Campo Lameiro, de Cotobade e outros lados montuosos, estaban insculpidos con formas así figurativas coma abstractas. Sobrino Buhígas descubriu estes glifos, segundo opinión autorizada, incitado polo seu curmán, e debuxante finísimo Enrique Campo Sobrino.

O naturalista Ramón Sobrino Buhígas, que, entre outras cousas elucidara o fenómeno das marés vermellas, tirou do pozo negro da ignorancia colectiva os petroglifos galegos en dous ou tres artigos previos. Logo, o Seminario de Estudos Galegos, en 1935, publicou en latín o seu Corpus Petroglyphorum Gallaeciae, que foi lanzado á comunidade arqueolóxica internacional e á sociedade galega no seu conxunto.

A revelación de Sobrino Buhígas resultou conmovente, pero a época non favorecía a dixestión apacibel dunha noticia descomunal e insospeitada como era a mostración sistemática dos petroglifos galegos. Celebramos a edición (Morgante, Cangas, 2020) da terceira edición da obra como Corpus dos Petróglifos de Galicia traducido ao galego, igual ca a segunda, por Xosé Souto Blanco. Vai precedida dun limiar de José M. Rey García e non esquence o primitivo de Florentino Cuevillas.

Complétase o volume cunha aportación, que se fará imprescindíbel para os interesados neste ramo da prehistoria, de Ángel Núñez Sobrino, ensaísta e pensador da estirpe de don Ramón Sobrino Buhígas, e mais dun poemade Miro Villar. A lembranza de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza (1911-1959), anovador dos estudos de arqueoloxía prehistórica e fillo de don Ramón, acode a participar no acontecemento desta reedición do Corpus Petroglyphorum Gallaeciae na lingua propia dos actuais descendentes dos artistas rupestres.

Eu tiven, por primeira vez, nas mans o Corpus na Biblioteca Provincial de Pontevedra, dirixida ao tempo por Fernández-Villamil e instalada nos baixos do Instituto no que Ramón Sobrino Buhígas fora catedrático de Historia Natural. Aquela sala de lectura recibía acougo e paz das árbores vedraias da Alameda e das ruínas románticas de Santo Domingos. A partir de Ramón Sobrino Buhígas, as pedras escritas reviviron para mudar en profundidade o discurso prehistórico de Galicia.

Compartir el artículo

stats