Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Os homes-bisonte e mais o estado democrático

De entrada, que un individuo decida ataviarse con peles e cornos de bisonte, só ha de producir hilaridade e/ou levarmos os índices ás tempas. E é que, en efecto, tal semella que cadaquén sexa moi libre de declararse entroido –e en entroido– cando lle pete e veña en gana. En todo caso, se o individuo en cuestión resulta ser cidadán dos Estados Unidos de América, cabe recomendarlle, iso si, que leve cuidado: porque non vaia acontecer que un redivivo, e confundido pola súa presenza, William Frederick Coby (“Buffalo Bill”, evidentemente.) a emprenda a tiros con el polas pradeiras do Far West adiante.

Se, ademais do anterior, tamén sucede que o ghicho vén acreditar na teoría da conspiración alentada por/desde QAnon/Pizzagate –xa saben:existe, polo visto, unha trama secreta contra Donald Trump e mais os seus seguidores, os cales loitan arreo contra a pedofilia e mais a ditadura artellada polo “Estado profundo” do cal veñen formar parte, entre outros, Barack Obama, Hillary Clinton, George Soros e diversos actores “liberais” de Hollywood–; se tal profesa o dos cornos, e sen deixarmos a coña, cómpre ir pensando en tomar medidas sanitarias ad hoc. Pero se, finalmente, o fulano do conto ameaza aínda con embestir –ou embiste directamente, como é o caso que nos ocupa–, aquí do que se trata xa, e sen máis reparos, é de conducilo de contado a un zoolóxico, reserva post-xurásica ou similar. Nin el nin os demais merecemos menos.

Dubido, desde logo, que o noso home-bisonte lea moito –mesmo cabe sospeitar que nin aprendese ao certo tal cousa algunha vez–; non obstante, tanto desde as mensaxes (ou mellor, consignas, palabras de orde) espalladas polas redes sociais como aínda desde as columnas de certos medios escritos, ondas radiofónicas, determinadas canles de TV veñen adoutrinando, hai xa tempo dabondo, autoproclamados gurús “da liberdade” arredor de que cómpre estaren armados –ideoloxicamente; nos USA, literalmente– perante o “intervencionismo estatal”, a “conxura do sistema” e, en fin, diante da “usurpación da verdadeira (sic) democracia”. É dicir, –e nun revival do “laissez faire et laissez passer, le monde vai de lui même” do abstencionismo liberal–, defensa do dereito a non pagaren impostos; defensa do dereito a que nas escolas os rapaces aprendan en pé de igualdade a “teoría do deseño intelixente” e mais a ciencia contrastada (e/ou dereito asemade a non enviar os rapaces á escola); defensa do dereito, desde logo, a compraren rifles, ametralladoras, fusís de asalto...; defensa do dereito a non seren vacinados, a rexeitar transfusións de sangue para os seus familares e defensa do dereito, sobre todo, a negarlles todos os dereitos aos que non compartan a súa ideoloxía, a súa idea de “democracia libertaria”: isto é, dunha América first! e apenas para os autoproclamados “auténticos americanos”. Defensa do dereito, en fin, á ergueren muros para “preservar o noso (o seu, vaia) xeito de vida.”

Prohibir a explotación laboral dos nenos; prohibir esoutra, sexual; prohibir a discriminación por razóns de sexo, idade, características raciais...; prohibir a pedofilia; prohibir o maltrato físico e mental; prohibir calquera sorte de discriminación laboral, social...; prohibir o maltrato ao medio ambiente, aos animais... Certamente, e diante do que algúns pensan ou poden pensar, as democracias caracterízanse tanto –ou incluso máis, en determinadas circunstancias–, por aquilo que vedan como por esoutro que permiten. Porque acontece que, como ben escribiu Norberto Bobbio, as regras (dunha moderna democracia) constitúen a expresión da loita polo espallamento e concreción de ideais, dun proceso de experimentación histórica cuxo obxectivo non vén ser outro que o de atinxir a verdadeira liberdade individual e colectiva, concretizada nese modelo –nunca perfecto, pero si perfeccionable– que denominamos “social de dereito”. Para garantizar dito proceder faise necesario, pois, abolir e inhibir os proxectos contrarios.

Mais, infelizmente, tal parece ás veces estarmos a habitar nunxa xeira na que uns cantos –demasiados– dos supostos valedores do anterior semella que abdicasen, e/ou que abdican, das súas obrigas, xa contaminados polo lixo falsamente libertario ou, así mesmo, xa considerando que os homes-bisonte poden resultar de doado manexo, transformables en arietes para o seu devezo histérico por ocuparen o poder. O resultado dun xogo ambiguo está a vista: deixárenlle ao novo fascismo –porque tal vén ser a “democracia libertaria” á que lle presta “vivir perigosamente”– ocupar o centro do taboleiro, dirixir a partida. O problema, pois, non son os homes-bisonte, senón aqueles que os consideran simple entroido. Mal negocio, con certeza.

Compartir el artículo

stats