Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nós con Constance

En maio de 1916, o Irish Times de Dublin publicaba na primeira páxina, so o titular “Sinn Fein Rebellion in Ireland”, unha información e galería de fotografías de líderes republicanos independentistas que foran detidos e fusilados tras o Alzamento de Pascua. Pertencían ao Sinn Féin e ao ICA (logo IRA). Algúns destes presos conseguiron ver conmutada a súa pena de morte pola de prisión perpetua. Isto é o que lle ocorreu á subcomandante feminina Constance Gore-Booth. Entre os fusilados, encontrábase P. M. Pearse, designado para presidir a República irlandesa á que aspiraba o Sinn Féin. Tamén James Connolly, o pensador que encadrou na teoría marxista a causa da independencia irlandesa, foi pasado polas armas. Anos despois, o 30 de outono de 1920 un grupo de membros das Irmandades da Fala daba á luz en Ourense o primeiro número da revista Nós. Unha famosa serie de dibuxos subtitulados, obra de Castelao, tamén levaba o título de Nós. E Nós chamouse a principal editorial nacionalista anterior a 1936. Cuevillas, Noguerol, Otero Pedrayo, Castelao, Risco, quixeron chamar Nós á súa empresa colectiva. Houbo outras iniciativas nacionalistas que tamén se autodesignaron Nós. E por que está escolla? Coido que todos sabían que Sinn Féin significaba, en gaélico, “Nós sós”. Diría así o poeta independentista Manuel Antonio: “ E fomos ficando sos / o mar, o barco e máis nós”. Anos atrás, Cabanillas cantara: “Carne, sangue, osos celtas / Irlanda, Irlanda, irmán”. E como esquencer que o grupo editor de Nós dedicou un número extraordinario da revista ao alcalde de Cork, Terence MacSiwney, morto a consecuencia da súa folga de fame en protesta da ocupación de Irlanda por Inglaterra? Algúns coidan que un instinto romántico celtista levou Otero Pedrayo a traducir unhas páxinas do Ulysses de Joyce. Tamén se dixo que Risco escribiu Dedalus en Compostela movido polos mesmos estímulos, se cadra de raíz pondaliana. Certo que Pondal lera ben a versión francesa do Leabar Gabhala e que puxo a Breogán na lingua de todos os galegos patriotas. Pero no pulo que fai que un continxente de intelectuais salte de La Centuria a Nós e do castelán ao galego debe existir unha simpatía poderosa que os levase a identificarse coa loita de liberación nacional e solcial de Irlanda que conducían personalidades de esquerda como James Connolly e Clarence Gore-Booth.

Compartir el artículo

stats