Octavio Augusto, Tiberio, Marco Aurelio, Diocleciano....; James Monroe, Grover Cleveland, Franklin Delano Roosvelt, Bill Clinton, George Bush... Desde logo, coido ben que moi poucos -ou ningún- de entre os lectores ha de botar ás mans á cabeza na hora de establecermos concomitancias: ao cabo, e tal e como os foi definir no seu día o filósofo e politólogo francés Raymond Aron, os Estados Unidos de América constitúen ao certo unha “república imperial”: isto é, un territorio onde caben todo o mellor e todo o peor do mundo capitalista no que habitamos. Unha potencia mundial, doutra parte, que viviu -e acaso aínda vive- teimando nunha, por veces delirante, obsesión lexitimadora. En fin, coñecida resulta asemade esoutra teimosía dos césares de Roma en aparentaren maneiras divinas e/ou en instauraren mesmo un culto público cara a si mesmos. Así as cousas, devén, daquela, a presidencia de Donald Trump unha mostra, ou aviso, de semellante proceso? “No hay mal que por bien no venga” , que sentenciara o caudillo de España “por la gracia de Dios” cando aquilo de Carrero Blanco. Ou -con toda certeza, moitísimo mellor en formato clásico- “malum quidem nullun esse sine aliquo bono”, que resolveu Plinio o vello na súa “Historia Natural.” Pois ben; vén ser o caso de que a, desgrazada, crise da Covid-19 veu resolver de vez as nosas dúbidas ou, polo menos, unha parte delas, respecto de determinados pormenores que afectan a vida e obras do (aínda) actual inquilino da Casa Branca.
