Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Muceta preta: Manuel Alonso Macías

En páxinas magníficas, Otero Pedrayo evocou unha personalidade perdida en corredores escuros do esquecemento. Tratábase dun catedrático de Ensino Medio que, por ser licenciado en todas as facultades universitarias tiña dereito a usar, sobre a toga, a muceta preta que é atributo dos reitores da universidade española a partir da promulgación da normativa protocolaria no reinado de Isabel II. Acaba de falecer Manuel Alonso Macías, catedrático que, pesia a proceder dunha torgueira científico-técnica, alentaba comodamente nas atmosferas humanísticas. Era poeta e gostaba de que se relacionase o seu apelido co nome inmortal de Macías o Namorado. Alonso Macías foi acumulando licenciaturas universitarias nas que as ciencias da Natureza se ían abrazar coas ciencias do Home.

Seguramente, e seguindo a lección de Otero Pedrayo, poderíamos decer que Alonso Macías tiña dereito a usar, en cerimonias académicas, a muceta preta reitoral sobre a toga común a todos os titulados universitarios. Faleceu Alonso Macías e a cidade de Vigo demostroulle recoñecemento e respecto. A todo o cal nos sumamos nós neste espazoo que nos empresta o Faro. Eu quixera lembrar a relación del co instituto Santa Irene, no cal fosforece unha especie de ardora simbólica que representa a todo o Vigo docente. Investigou en homenaxe á súa dona difunta, Manuela Jorreto Canitrot. E quixo publicar un libro que recollese a historia do centro educativo das Travesas. Manuela cursara o bacharelato alí. O libro é: “Instituto Santa Irene de Vigo. Setenta años de Historia, Vigo, 2016”.

Notábase en falta un libro que tratase da historia do instituto de Vigo e esta carencia foi subsanada por Manuel Alonso Macías. Neste labor foi asesorado eficazmente por Xurxo Pérez no que se refere a unha época crítica desta institución. Á excelente memoria, sentido da historia e ao arquivo persoal de Xurxo, exalumno do Santa Irene, débenselle os datos até agora inéditos sobre os movementos antifranquistas que se produciron no ámbito académico vigués do Ensino Medio. Neste aspecto, coa participación de Carlos Meixide.

Conta Alonso Macías como o instituto de Vigo fora fundado na dictadura de Primo de Rivera e como peregrinou por diversos edificios de Vigo até que no curso 1945-46, se instalou no magnífico edificio granítico da autoría de Antonio Cominges Tapias, adoptou o nome de Santa Irene e se convertiu nun dos predios referenciais da cidade de Vigo. Pouco despois do libro de Macías, Salvador Beloso Arenas publicou o seu belísimo libro, “Memorias”, tamén centrado no instituto Santa Irene, que veu fomentar a saudade nos corazóns dos que exercemos a docencia naquel centro e aínda estamos vivos. Séxalle a terra leve ao profesor Alonso Macías.

Compartir el artículo

stats