Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Da Alemaña non territorial

Se eu fose nado en Estrasburgo en lugar de en Ourense, durante unha porción da infancia sería un neno alemán para axiña recuperar a condición francesa. Estrasburgo, sen embargo seguiría parecendo, coma sempre, unha xenuina cidade alemá.

Discútese moito sobre as vantaxes e desavantaxes da derrradeira unificación dos estados (socialista e capitalista) que se consideraban Alemaña. En realidade, Alemaña non constitúe nin constituiu nunca unha entidade territorial. Vexan que hoxe son estados de nación alemá, alén da República Federal, parte de Suíza, Austria, Liechtenstein, Luxemburgo (por moito que se afrancesen e autoodien), Alsacia-Lorena, a cidade de Eulen e Bolzano (respectivamente en Bélxica e en Italia). E hai que lembrar as comunidades xudías do Leste de Europa que Hitler masacrou e dispersou a pesar de que falaban un dialecto alemán chamado Jiddisch. E tamén as minorías alemanas comunitarias espalladas polo mundo.

A noción dunha Alemaña dividida coma un quebracabezas e só unida pola lingua e a cultura percíbese moi ben no 'Fra Vernero' de Otero Pedrayo. Alén diso cómpre visitar, a estas alturas da Historia, os discursos á Nación Alemá de Fichte, actualmente revisados por Étienne Balibar na Trabe de Ouro. Alí tratábase da noción de "fronteira interior" e da condición non desartellada da nación alemá. Ningún intento unificador da Alemaña, nin os prusianos nin sequera o nazi, conseguiu a unificación soñada. O que impuxo EEUU ás repúblicas federal e democrática de Alemaña foi, en rigor, unha anexión en certo modo equiparábel á que os nacionalsocialistas fixeron con Austria.

Estes días son moitos os que pensan que a desaparición da Alemaña socialista non foi proveitosa. A principios do século XIII, o trovador Gottfried von Strasburg escribiu un poema, 'Tristan e Iseu', que habería de inspirar moitos anos máis tarde unha obra de Wagner de tema non xermánico. Cousas tan diversas como este Tristan e o humor de cabaret en dialecto alemán que segue a divertir o público de Alsacia, avisan de que a Alemaña é moito máis ca calquera país que se chame Deutschland. Alemaña non é un territorio nin un só Estado. É a lingua que formalizou Lutero e que serviu de canle ao pensamento (no que se inclúen Marx, Freud, Einstein como potencias intelectuais transformadoras), á literatura e ás artes contemporáneas en función renovadora. Esta Alemaña a-territorial contribuíu a conformar o noso mundo e a ela debémoslle admiración e respecto. Así certou a expoñelo en 1810 Madame Staël cando publicou 'De l'Allemagne'.

Compartir el artículo

stats