Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Doade 2020, unha malla diferente

Por causa da COVID-19, neste ano 2.020 todo mudou: xa non podemos saír tranquilos a pasear polas rúas, respirar en liberdade, abrazar aos nosos seres queridos, nin achegarnos a compartir o tempo cos nosos amigos, desapareceron as verbenas populares dos nosos pobos e as ceas nos restaurantes, sentimos pánico de ir ao médico, non podemos acompañar aos enfermos nos hospitais, nin sequera despedir aos achegados no seu funeral. E como nada é igual que antes, a XXI edición da Malla Tradicional de Doade, celebrada o pasado 22 de agosto no Museo Casa do Patrón, tamén resultou ben distinta a tódalas anteriores.

Se, por unha banda, tiñamos a obriga moral de celebrala unha vez máis, na honra dos nosos devanceiros que cada ano polo mes de agosto realizaron durante séculos este sacrificado traballo comunitario, sen importar as guerras nin as pestes habidas ao longo da historia, posto que precisaban mallar para obter o gran que levar ao muíño e facer coa fariña o seu pan da cada día, tamén por respecto aos queridos veciños e amigos do Museo que acudiron ininterrompidamente durante 21 anos a esta cita, aportando o seu traballo para poder realizar a Malla, que demostraron máis ca nunca a súa valentía e compromiso con este singular evento, que tan lonxe levou polo mundo o nome da parroquia de Doade; por outro lado, sentimos a pena, a incerteza e a responsabilidade de decidir facela por primeira vez sen público, coa finalidade de poder garantir o estrito cumprimento de tódalas medidas de seguridade requiridas pola pandemia.

Aínda que mantivemos o compoñente etnográfico e histórico íntegro da secuencia das diversas modalidades da malla, así como a súa importante integración mo medio rural e natural, realizando a execución nunha paraxe de enorme valor paisaxístico e medioambiental, vímonos forzados a suprimir o seu vector lúdico e festivo, eliminando a tradicional comida de confraternidade ao aire libre, así como a ruada da malla, un importante serán de música tradicional galega, en continuado auxe nos últimos anos.

Coa finalidade de suplir no posible esa total ausencia de público, ao que sempre agradecemos a súa fiel e masiva asistencia, e tamén a súa ausencia nesta situación tan anómala para todos, realizamos unha completa transmisión en directo do evento por streaming, que colgamos na internet, ao igual ca un vídeo resumo da sega, outro desta edición da malla e un terceiro coa recompilación das XX edicións anteriores, que xa e poden visualizar, pulsando a pestana "Malla de Doade" no canal youtube, así como varias conexións en directo da TVG, a habitual cobertura dos medios de comunicación e a edición especial do libro "Unha cita coa historia: 20 anos de Malla Tradicional en Doade (Lalín)", en formato grande.

Foi realmente exemplar a responsabilidade, disciplina e comportamento dos participantes, dende os máis cativos ata os máis vellos, observando escrupulosamente as directrices marcadas pola organización na toma de temperatura e lavado con hidroxel previos ao evento, mantendo o distanciamento social e o uso das máscaras en todo momento, a pesar de tratase dun traballo tan duro, executado a mediodía, baixo un sol de xustiza.

Especialmente emotiva resultou a interpretación do Himno de Galicia polo grupo local de gaitas Os Trasnos de Doade, en recordo dos 638 galegos falecidos polo coronavirus, escoitado co máximo respecto e moi aplaudido pola totalidade dos presentes, moitos dos cales non puidemos evitar derramar algunhas bágoas pola súa inxusta partida. Aproveitando os descansos, este grupo interpretou varias cantigas populares das mallas, poñendo a nota folclórico - musical á celebración.

En definitiva, non podemos máis que sentirnos ben orgullosos de ter organizado e participado na execución, talvez da única malla celebrada este ano en Galicia, quizais a máis triste e estraña, pero tamén a máis emotiva, transcendental e histórica das nosas vidas, que marcará un antes e un despois no longo percorrido que lle auguramos a Malla Tradicional de Doade, que non dubidamos pronto será declarada "Festa de Interese Turístico de Galicia".

Pero, como a vida segue, a pesar das circunstancias adversas que atravesamos, tentaremos desenvolver a maioría das actividades previstas no noso programa anual, como son a edición e publicación de dous libros máis relacionados coa antropoloxía histórica da parroquia e o confinamento, a "fía do liño", a limpeza, sinalización e prospección xeofísica das mámoas de Doade, a celebración do evento "Unha aldea no Nadal do Camiño"...

A Casa do Patrón quere facer público o maior dos agradecementos a todos e cada un dos participantes, aos seguidores habituais, esta vez ausentes fisicamente, pero presentes no corazón, aos medios de comunicación e a todas as persoas que, co seu incondicional apoio, dende a proximidade ou dende a distancia, fixeron posible darlle continuidade á gran malla do interior de Galicia nunha situación tan crítica. Tanto eles coma nós, cando dentro duns anos botemos a vista cara atrás, decatarémonos de que estabamos a facer Historia con maiúsculas, no peor dos escenarios.

Compartir el artículo

stats